domingo, 25 de junio de 2023

FIN DE FESTA

Como colofón a un ano no que deixamos atrás a pandemia e puidemos levar a cabo xa con liberdade moitas actividades, decidimos organizar unha exposición na que a rapazada do colexio vira parte do que fixemos no club de ciencias.

Os departamentos de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química, Bioloxía e Inglés dedicámoslle a mañá do martes 20 de Xuño a montar os estands correspondentes. 

había que darlle un toque máis profesional ao asunto e María, a de Bioloxía, tróuxonos un cartel apropiado para a ocasión ;-)


Nas ultimas horas da mañá foron desfilando por eles todos os cursos da ESO.

Os primeiros en recibilos foron o grupo de 1ºESO que preparou con Laura, a profe de Inglés, unha sesión supercompleta de papiroflexia. Para os profanos coma min na materia, segue sendo impresionante como a partir dunha folla de papel poden saír tantas cousas...






Para poñer a proba os coñecementos de ciencias que tiñan os que ían pasando por alí, un grupiño de 2ºESO alentados por María, a súa profesora de física e química este ano, confeccionaron un trivial moi chulo.



Entre medias, o grupo de 6 alumnos de 4ºESO que estivo durante meses quedándose pola tarde os martes, explicaron por parellas o seu traballo sobre a síntese de biodiesel.

Fixérono moi ben e conseguiron deixar claro que son 3 as etapas fundamentais do proceso: 

1-Obter un aceite de partida o más limpo e seco posible

2-Facer a reacción de transesterificación nas condicións óptimas de rendemento: exceso de metanol, axitando moi ben magneticamente e quentando un pouco

3-Levar a cabo determinadas operacións para purificar o biodiesel obtido.

 











Na aula de música esperábannos Yerai, Rebeca, Adriana e José para darnos a oportunidade de presenciar a exposición do traballo que case lle da o primeiro premio en SGAPEIO. Retáronnos a distinguir nun debuxo, nun poema e nunha canción se o autor era un humano ou era produto de intelixencia artificial. As respostas da xente que incluíron no seu traballo deron pé a un estudio estatístico que levou a varias conclusións moi interesantes. Un traballo de investigación excelente que, sen dúbida mereceu chegar tan lonxe e no que o profesor Fabio tivo moito que ver, alentando e avivando a ilusión que amosaron estes alumnos e alumnas de 1ºESO.



Para retomar o traballo típico de laboratorio saímos da exposición e metémonos de cheo entre vexetais, disolventes, extraccións...porque un grupiño de 2ºESO fixeron unha cromatografía en papel para amosarnos como se separan algúns pigmentos típicos presentes nalgúns vexetais, neste caso as espinacas.






E xa para rematar o percorrido nada mellor que algo directo ao corazón...Alí tiñamos ao grupo de 1ºC  de ciencias prestos a explicarnos todo o que quixeramos saber sobre este prezado órgano sen debuxos nin esquemas...mellor tocando e vendo, que é como mellor se aprende (os aprehensivos quedaban eximidos de parar neste estand, ja ja..)












Non podía faltar neste percorrido científico a achega do departamento de Tecnoloxía, con Barcia e Raquel á cabeza: interesantes deseños de maquinaria e a robótica que tanto gusta entre o alumnado.




 
Se a toda esta variedade de actividades lle engadimos o roteiro matemático deseñado por Fabio e Andrés, que o alumnado puido facer polas instalacións do centro, a verdade é que conformamos unha mañá moi completa, polo menos diferente. Un bonito broche para un curso 2022-23 no que deixamos atrás o mal rollo da pandemia e miramos xa cara adiante con optimismo.
Desde o club de ciencias do IES Mugardos, grazas e parabéns a paladas, especialmente a todos/as aqueles que puxeron o seu grao de area para que isto saíra adiante un ano máis; para todos os que pensaron que pensar non era memorizar, senón ver, tocar, errar, rectificar, comprobar...e se deixaron levar nos ombreiros da ciencia.