sábado, 20 de abril de 2024

COMPLETAMOS A SÍNTESE

Este ano o ritmo non pode ser moi continuado pero polo menos podemos reunirnos de vez en cando e seguir o proceso.

O martes 9 de Abril conseguimos illar o noso primeiro biodiesel.

Tiñamos as dúas capas de biodiesel e glicerina no matraz e a cuestión era cómo podíamos separar o biodiesel, que estaba na parte superior debido á súa menor densidade.

Pois dado que a cantidade non era moi grande empregamos pipetas cos seus correspondentes aspiradores automáticos. Todo iso aderezado cun pouco de paciencia e alehop...directos ao funil de decantación


Levámolo a este utensilio porque a seguinte etapa implicaba lavar o biodiesel con auga para arrastrar os restos de sosa, de metanol...e así deixar limpo o noso combustible.
Incluso empregamos unha disolución de vinagre porque co seu pH ácido axudaríanos a neutralizar os restos de sosa da reacción.
O caso é que o biodiesel que sintetizamos axitando en quente tiña un aspecto moitísimo mellor que o que deixamos despois de que non reaccionara sen axitar e a temperatura ambiente. E isto volveuse a poñer de manifesto na fase de lavado porque neste último, ao mesturalo con auga, formouse unha emulsión moi fea, chea de xabón (síntoma de que había auga no medio de reacción) que fixo moi complicado distinguir as dúas fases para separalas...







Porén, o biodiesel "bo" separaouse moi ben e non formou emulsión algunha...




Despois de 2 ou 3 lavados voltamos a extraer o biodiesel do funil mediante unha pipeta e deixámolo nun vaso de precipitados.

Finalmente secámolo no microondas controlando coa sonda de temperatura que esta subira de 100ºC pero non de 130 ou 140ºC para conseguir que se evaporasen os restos de auga pero sen chegar ao flash point do biodiesel.


Cos poucos días que temos para volver a quedar xuntos, o único que nos quedaría sería caracterizar este biodiesel medindo algún parámetro característico como a densidade ou a viscosidade. 
En breve publicaremos os resultados acadados.