miércoles, 22 de diciembre de 2021

ESCAPANDO...DO TEDIO

Acabábase o trimestre e a algunha mente librepensadora ocorréuselle pechar aos alumnos nas clases antes das vacacións de Nadal. Non se irían para as súas casiñas se non daban atopado a chave liberadora resolvendo unha serie de preguntas e acertixos...bueno esa era a idea que escoitei, tampouco me fagades moito caso, que ao mellor son todo fakenews...(agora mesmo estou visualizando a escena dunha morea de adolescentes intentando saír a empurróns do instituto e non me convence, ja ja)

Como idea non estaba mal...a ver como organizábamos entón.

Aí xa entrou o equipo de biblioteca e tomou cartas no asunto. Os de teatro de 2ºBAC, que fan honor ao seu nome, puxeron o punto de elegancia ao asunto grazas a Olga Cabalar, á súa profesora.

Non me digades que non están de cine.

E con esa actitute un pelín de respecto metían

Eran os encargados de transmitir a información ao alumnado de cada clase (participaron todos)

Aí foi onde entramos os de club de ciencias para poñer o noso grao de area. Entre as probas que debían superar, os departamentos de Matemáticas, Bioloxía e Física e Química propuxeron unhas chea delas...e algunhas non eran tan sinxelas ehhh



3, 2, 1... e hala..aí os quedais¡¡¡

Os piratas coidaban que ninguén saíse da clase sen pasar as probas e ofrecían asesoramento aos navegantes (máis perdidos ás veces que un quinto nun día de permiso...grazas Joaquín) 



A algún debiulle pasar a idea pola cabeza e acortar o camño, pero claro, cando te miran así, calquera intentar facer trampas...


Dentro das clases as cousas desenvolvíanse con máis entusiasmo do esperado (a alegría vai por "barrios" como se soe dicir, pero en xeral a resposta foi excelente).



Na lectura das probas contamos coa axuda inestimable de Darth Vader (se non estaba xa a cousa seria cos piratas da pata de pau fora pois nada, métennos a este que es la "alegría de la huerta" dentro...como para intentar escapar, xa che digo)


A clase a escuras, os piratas na porta, o lado escuro presente, e xa para rematar a faena deste mal rollito o sitio estaba cheo de "estampitas" con algúns membros do equipo directivo axusticiados polos piratas "encargados del evento", ai meu Deus...un pouco de yuyu daba...


Pero o personal sobrepúxose ás circunstancias e tiraron "pa diante"...aínda que un pouco máis pa diante tirou a clase de 4ºESO B, que resultou gañadora.
Decisión xusta porque o tomaron a peito e amosaron un entusiasmo digno de salientar
Aquí os tedes en diferentes fases desta historia







Foi Espronceda o que os conduciu á saída grazas á súa canción do pirata, que resolveron un chisco antes que os de 2ºESO. Aí os temos na recta final

 
Na que lle sacaron unha cabeza de vantaxe

 
E despois de máis de dúas horas por fin algún viu a luz ao final do túnel e foino celebrar botándose unhas risas no partido de futbol profesorado-alumnado....pero esa é outra historia, aínda que curiosamente algún rematou tamén coas patas de pao...
En serio, parabéns a todos os que, dun xeito ou outro, contribuíron a levar a cabo esta actividade, novidosa no centro, no que non só moitos pasaron un rato moi agradable senón que tamén repasamos algunhas cousiñas das vistas no primeiro trimestre, e esquecemos por uns intres que o bicho segué aí fora...e non me refiro precesamente ao alien de Ridley Scott...
¡Felices Festas e coidádevos!

DOMINO DANCING

Non sei moi ben se no departamento de matemáticas querían rememorar aos Pet Shop Boys e lembrar tempos mellores pero en 1ºESO mataron dous paxaros dun tiro con esta historia.

Por un lado practicaron as operacións matemáticas que implicasen números decimais e fraccións e por outro descubriron que moitas veces iso que parece tan complicado ao mellor non o é tanto se o afrontas dun xeito diferente.


Tratábase de ir construindo asociando axeitadamente fichas como no dominó, emparellando os lados que permitisen comprobar que sabían traballar con decimais e asociar as fraccións a partes dentro dun todo:



Magnífica idea que foi moi ben acollida polo alumnado de 1ºESO que son como esponxas, que o absorben todo

Non só houbo cifras para descubrir a correlación


Senón tamén motivos gráficos, porque as fracción aparecen onde menos as esperas ;-)




Noraboa a Emma Villar, profesora encargado do asunto: misión cumprida.


martes, 14 de diciembre de 2021

E SE LEVANTAS A OLLADA?

Levamos un tempo algo desnortados e non hai mellor maneira de atopar ese norte que veña Olga e nos de un par de ideas para ver por onde tirar....
Para completar a escena non fixeron falta moitos máis actores e actrices que os rapaces de e rapazas de 1ºESO. Non fixo falta tampouco técnico de iluminación...tiñamos toda a luz que precisábamos nun radiante día azul...
Luz que fixo que a alumnado participante se decatara de 2 cousas:
1. Que no instituto tiñamos un reloxo de sol (...en serio? )
2. Que esa luz e algunhas sombras asociadas nese dispositivo podía evitar que nos suicidáramos se nos fallaba o móbil que sempre miramos para ver a hora (...como?...o móvil non é un dispositivo para chamar por teléfono?...xa non entendo nada)
De todo isto claro, tomaron boa nota...


Agora a ver se non perden o papeliño no que apuntaron todo ;-)

Non me digades que non é unha preciosidade de reloxo!


O segundo acto transcorreu intramuros...o poder de facer desaparecer o sol Olga aínda non o ten...aínda que todo se andará...
E alá se foi con toda a tropa á aula, e axudándose da rede, aclaroulles por fin onde andaba ese norte que parece que agora nin as agullas magnéticas marcan...



A experiencia foi estupenda e seguro que algo quedou...aínda que sexa un pouso que non se manifeste inmediatamente...acabará por facelo algún día en forma de agradecemento por estas horas perdidas (...ou gañadas) por xente coma Olga Recio, coas que se demostra que desinteresado non é sinónimo de falta de interese...
Por certo ao mellor estábamos equivocados buscando o norte nas estrelas...e habería que buscalo aquí abaixo.
Grazas a todos, alumnos e profes por seguir confiando na ciencia para ver as cousas doutro xeito. 

domingo, 28 de noviembre de 2021

A VOLTAS COS NÚMEROS E AS LETRAS

Durante este primeiro trimestre de curso levamos a cabo o que se está convertindo nun clásico do centro: o concurso de cifras e letras, organizado polo departamento de matemáticas.
Desta volta foron os propios alumnos de 2ºBAC os encargados de explicarf as normas e regular a competición entre os participantes, que foi alumnado de toda a ESO e de 1ºBAC.
Os de 1º, 2º e 3º competiron entre si e deron o primeiro dos finalistas; Cristian Pico Pena, de 1ºESO A
A segunda saiu das eliminatorias entre os de 4ºESO e 1ºBAC e foi Ainhoa Luces Rodríguez de 4ºESO A.




A final foi "arbitrada" polas profesoras Emma Villar e Begoña Gómez.
Parabéns ao gañador que foi ao final o alumno de 1ºESO...(David vencendo a Goliat?)
  

E tamén a noraboa a todos os que dunha maneira ou doutra permitiron volver a poñer en práctica un concurso suspendido pola temática COVID e que no centro sempre botamos de menos porque é unha actividade que permite non só poñer a proba a capacidade de cálculo mental do alumnado e as súas destrezas para construir palabras potenciando a súa versatilidade lingüística, senón tamén comprobar a autonomía organizativa do propio alumnado, xa que ata a ronda final foron os que propiamente se encargaron de que tiveran lugar todas as roldas previas.

VOLVEMOS ...OU NON VOLVEMOS?

Este curso 2021-22 preséntase como unha mestura de esperanza e incerteza...aínda que esperamos que se acabe impoñendo a primeira á segunda e poidamos desfrutar dun ano tranquilo que nos de pé a realizar algunha actividade paralela co alunado.

Por parte do departamento de FeQ levamos a cabo esta penúltima semana de novembro unha inmersión na cociña, intentando descubrir un ámbito no que a química e a física teñen moito que dicir.

A tarefa que desenvolveu o alumnado de 3ºESO implicou a busca da receita dun biscoito, a confección dun orzamento que nos permitise calcular o custo dun biscoito e claro, a parte máis importante...e interesante: o traballo en equipo para facer ben as mesturas que despois, coa axuda inestimable do noso panadeiro favorito (Vicente o da panadería Os Corzás) acabaron no forno transformándose nuns apetitosos manxares que foron probados por un amplo xurado de alumnos e profesores, cuxas valoracións sobre a presentación e o gusto do biscoito, permitiron determinar se o produto elaborado era socialmente aceptado ou non.

Claramente si o foi, acadando algún deles un lugar próximo á excelencia;-)

O proceso de elaboración foi realizado de xeito moi coordinado


Practicaron diversas técnicas físicas no tratamento de mesturas como o tamizado


a axitación para lograr unha mestura o máis homoxénea posible


proceso no que é importante a velocidade de adición


o traballo cos ovos precisaba de delizadeza porque son un compoñente clave no resultado final


O papel dun bo lubricante no molde tamén foi analizado


O traballo en grupo foi valorado, sendo un compoñente fundamental na nota obtida na tarefa



Deste xeito o resultado non podía ser outro que un éxito...aquí esta a proba


Así que había que celebralo...non era para menos








Temos que felicitar a todo o alumnado porque o traballo foi de calidade, traballaron ben en grupo, excepto situacións puntuais ben resoltas pola súa parte, fixeron diversas hipóteses arredor de qué podía ter que ver a FeQ con isto de facer un biscoito, presentaron uns bos orzamentos, estruturados e detallados, e finalmente conseguiron uns produtos de gran sabor, sobre todo 3 dos 6 grupos, que os fixeron merecedores das louvas da comunidade escolar.

En todo este proceso da realización da tarefa temos que dar especialmente as grazas a Vicente, da panadaría Os Corzás de Mugardos que moi amablemente se prestou para proporcionarnos a calor necesaria para levantar esas masas elaboradas polo alumnado, no seu forno industrial. Parte do éxito dalgún deles débenllo a el que soubo retirar do forno no momento axeitado cada un dos produtos.

Toda esta actividade podémola observar desde un punto de vista distinto se lle botades unha ollada aos fisiquiños que preparamos con ela no seguinte enlace

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesdemugardos/?q=system/files/Reportaxe%20fotogr%C3%A1fica%20da%20tarefa%20QU%C3%8DMICA%20NA%20COCI%C3%91A.pdf 




 

sábado, 27 de marzo de 2021

RETOMAMOS AS ACTIVIDADES DO CLUB DE CIENCIAS

Rematamos a segunda avaliación neste ano COVID e como despedida saímos ao patio e lanzamos de novo uns foguetes de auga con outros alumnos e alumnas que non puideron ver as sesións que fixemos en decembro.
Nas fotos e video que vos xuntamos podedes ver que foron quen de lanzar os proxectís cara o ceo de Mugardos