jueves, 23 de marzo de 2023

O ORIGAMI NON É UN SABOR...

Recoñéceo...cando che falaron do origami quedaches un pouco a cadros...pasóuseche pola cabeza ese sabor que parece que "inventaron" agora...ou calquera movida "xaponesa" rara...que os xaponeses son moi raros...

Pero quedóuseche peor cara cando che contaron que o origami era iso que facían os da outra clase con aquela profesora tan maja cando lle tocaba facer "garda" pola ausencia dun compañeiro...

Algo como papirexia, paparexia, non....PAPIROFLEXIA iso é.

Que teima teñen algúns con poñerse nomes tan rebuscados ás cousas máis simples e fermosas.

Para min isto é arte en soporte papel. Porque hai que ver cantas cousas se poden tridimensionar a partir dunha simple folla de papel ¿non?

Bueno, a verdade é que non é tan simple como cho estou contando pero visto o ben que traballan os do departamento de inglés, da esa sensación.

O caso é que xa levamos uns cantos martes moldeando no club de ciencias futuros artistas co papel, do cal queremos dar conta no blog. Fixádevos que cousas...





Déixovos o enlace ao seu padlet para que sigades desfrutando da orixinalidade das súas pezas

https://padlet.com/teacheronthemoon1/origami-na-r-a-fisl53hlxfske03s






viernes, 17 de marzo de 2023

ISTO VAI DE PALABRAS...

Mentres continuamos a nosa andaina a través do mundo do biodiesel chegan rumores de que alguén fixo por aí unha táboa periódica algo rara...

Se te aproximas verás que non está composta de elementos químicos senón de sentimentos...¿que? ¿De coña? bueno ¿por que non? reflexións, esperanzas, sentimentos, amosadas como algo periódico e repetitivo...ás veces 1+1 non son 2 e xa sabedes que todo pode ter cabida dentro do mundo da ciencia...se non atopas o porqué non quere dicir que non exista...polo de agora conformámonos con seguir preguntando.
A idea era facer aflorar aquilo que che bule por dentro, porque ao mellor descobres que non é exclusivo teu...
¿Quen non se levantou unha mañá e semellou estar fundido nun pozo moi profundo?


Máis ao pouco, e de xeito sorprendente, aparecen oportunidades que fan cambiar de cor o teu mundo


Seguramente neste proceso sempre temos un núcleo de amigos que non cambiaríamos por nada

E aínda que non o valoremos coa suficiente frecuencia, temos as nosas rutinas no colexio que nos protexen da desesperación e do aburrimento


Un colexio que da pé a descubrir mundos incribles nos sitios máis insospeitados



E no que batemos con muros que nos fan cambiar


E mantemos conversacións que significan un antes e un despois


E por moito que o aborrezas, tes que recoñecer que APRENDES 



Creces como persoa



Afrontas ás túas frustracións e desexos


E es quen de seguir sumando a través da convivencia con outros que non son coma ti, almas perdidas que cren que non ocupan un espazo no mundo. Porque no colexio hai sitio para todos.



Nel aprendes que cada acto ten a súa consecuencia


O colexio: ese curioso escenario onde se escenifica a loita constante entre a calma e a ira. Ten coidado, porque dependendo de quen sexa o gañador desa batalla, na túa vida recorrerás camiños distintos



Espero que a ti tamén che chegue o día no que te decates de que ese escenario escolar excede os límites que impoñen as súas paredes. Será nese momento cando todo cobrará unha nova dimensión...


Incluso a de iso que agora mesmo representa un dos eixos arredor do cal xira toda a túa existencia


Os que aquí traballamos conformámonos polo menos con que chegue o momento no que despois de sentirte afogar nese pozo, saír a flote e volver a caer, de creer morrer por non sentirse valorado nin querido, de ter éxito e pegarse un batacazo ao día seguinte, de atopar os mellores amigos do mundo e ser abandonado polo amor da túa vida, cando a presión sexa tan forte que todos os teus medos estean a punto de tragarte vivo...sexas quen de afrontalos e vencelos


Porque só entón se fará realidade un desexo moi simple que tería que ser o único obxectivo de todo o mundo, non só no colexio senón na vida: contribuír a crear entornos agradables




Se chegaches ata aquí supoño que xa te decatarías do incrible poder que teñen as palabras. 
As palabras unen, as palabras marcan, as palabras son ese xerme descoñecido que, co lévedo axeitado, acaba creando as historias máis fermosas e inesquecibles.
En química temos 118 combinacións de letras para identificar todo o que sustenta o noso Universo.
A idea era usar ese código para que puxeses a túa cabeciña a pensar...
Curiosamente non debín empregar as palabras axeitadas porque non todos entenderon a mensaxe


 

E algúns tampouco deberon oír iso de que, ás veces, unha imaxe vale máis que 1000 palabras




Ainnss, as palabras, as palabras, difíciles de entender cando veñen disfrazadas de ironía


Doume por contento se polo menos tomaches isto como unha invitación para reflexionar


Porque despois da reflexión soe vir a comprensión e o cambio de software


Un último consello...antes de falar, toma aire e afástate un pouco. A perspectiva non é a mesma. Ao mellor levas unha sorpresa





jueves, 16 de marzo de 2023

CAPÍTULO 3: A EXTRACCIÓN E O SECADO

Despois dunha semana de repouso das 6 mostras de aceite filtrado e lavado, seguimos avanzando neste longo camiño que espero que nos conduza ao biodiesel final.

O mércores 15 de marzo aproveitamos unha horiña algo morta neste remate da segunda avaliación para  levar a cabo a fase de illamento do aceite e secado do mesmo.

Unha das cousas máis importantes a controlar neste proceso é dispor dun aceite de partida coa menos cantidade de auga posible porque senón correremos o risco de sufrir reaccións colaterais que conduzan á formación de xabóns (saponificación do aceite...algo do que as nosas avoas saben máis ca nos...), qué é o peor que nos pode pasar porque convertirán o noso marabilloso limpo e cristalino medio de reacción nun lugar turbio e caótico que só nos servirá para provocar unha boa dor de cabeza (e non, isto non é unha metáfora da situación actual do planeta...).

Polo tanto seguimos apelando á paciencia dos nosos 6 valientes sufridores. É mellor ir pouco a pouco para intentar conseguir un bo produto de partida que nos asegure unha boa reacción de transesterificación.

Chegamos ao laboratorio e claro...alí estaba a nosa botella de aceite facendo de fase orgánica e a nosa auga facendo de fase acuosa. Non lles sorprendeu que esta estivera debaixo de aquela...porque xa sabían que aceite e auga eran inmiscibles (que non se mesturan vamos) e que a densidade do aceite é menor, co cal sitúase por riba da auga. Non obstante xa salientamos na entrada anterior que en 2 das probas non se podía apreciar de forma nítida a separación de fases. 

Tocaba pensar un pouco: ¿Como imos quitar de aí dentro o aceite sen axitar nen mover a botella para non tirar por terra o traballo que fixo a gravidade pacientemente durante 7 días?

A solución: a pipetazos. Cunha pipeta Pasteur de 3 mL catro dos alumnos foron succionando o aceite pola parte superior da botella. Os outros dous empregaron pipetas de 15 mL succionando cun aspirador automático para rematar antes. 

Tamén lle deron ao "coco" ideando métodos no caso de ter un recipiente con aceite moito máis grande...que se unha goma para sacar aceite por riba succionado e colocándoa máis baixa que a botella (como se algún deles xa tivese experiencia en "mangar" gasolina dalgún depósito de coche...ja ja...é broma pero si, foi algo que suxeriron inmediatamente), que se abrir un burato a unha altura axeitada na botella e sacar por el o aceite...a verdade é que no caso de dar o salto á macroescala xa temos ideas...

No noso caso ao cabo duns 15 minutos rematamos o proceso (non nos arriscamos a aproximarnos demasiado á interfase non fora a ser que metéramos de máis a pipeta e nos levásemos algo de auga na mesma, o cal non queríamos).

Aquí vemos a Cloe mans á obra


Verteron o aceite lavado nun vaso de precipitados. O aspecto dalgúns deles non era moi cristalino desde logo, sinal de que contiñan auga e seguramente algún composto indesexable máis.

Unha vez illado o aceite, tocaba o máis importante de hoxe...secalo ben.

¿Posibilidades? 

Pois para que viran polo menos 2 opcións, empregamos por un lado o típico microondas e por outro os clásicos fornelos de laboratorios, pero cunha sorpresa moi agradable para eles...viñan con axitación magnética incorporada de serie. Iso de ver xirar como tolo un imán dentro do aceite creando un remuíño ten algo de hipnótico para o alumnado, e por outra banda líbranos do traballo de estar axitando a man, que dadas as temperaturas acadadas neste proceso tampouco era o máis conveniente.

Porque de temperaturas iba o asunto...
¿A qué temperatura pasa a auga líquida a vapor? ...a 100ºC
¿A que temperatura ferve o aceite? pois a moito máis...seino porque fixen moitas patacas fritidas na miña vida...
Pois daquela, perfecto, trataríase de quentar a máis de 100 grados, pero non tanto como para facer ferver o aceite...pois ponlle 120-130ºC por exemplo.
Pois alá imos...
Aquí vedes os fornelos traballando a tope


E aquí as burbulliñas que o microondas nos deixaba no vaso ao pouco tempo de empezar a quentar (sinal de que a posible auga que contiña estaba a escapar)


O microondas gañaba ao fornelo en rapidez por goleada


Porén, tampouco se trataba que quentar sen cabeza porque non só nos podíamos pasar de freada e meternos nun lío, porque nos podía ferver o aceite ou acadar o seu "flash point", ou sexa a temperatura á cal os vapores desprendidos se inflaman...non o quero nin pensar...pero tranquilos para que iso suceda habería que sobrepasar de longo os 200ºC (depende do tipo de aceite pero entre 200 e 300ºC andaría a cousa)

En definitiva, mellor controlar a temperatura...¿Cómo? pois sorpresa...no laboratorio temos una consola VTT de hai moitos anos pero que funciona perfectamente e que, entre outros, ten un sensor de temperatura que actúa como termopar, é dicir un termómetro co cal podemos medir temperaturas de centos de graos...señores e señoras...con vostedes a consola VTT en acción:

 


Como se pode comprobar en pantalla sobrepasamos os 100ºC con holgura asegurando a eliminación da maior parte da auga






Ao cabo de 15 minutos xa demos por rematada a sesión.

Foi curioso como quedou cada medio ao acabar...moi cristalinos todos (incluso os dous que tiveron unha extracción algo turbulenta)..fixádevos:


Pero pasado o tempo...a cousa, en frío, rematou así:


¿Notades algunha diferenza? pois mira tí, o medio máis cristalino de partida, o de Cloe, resulta que despois de illar e secar, ofrece unha turbidez salientable...umhhh xa temos para darlle á cabeciña toda a semana antes de pasar a caracterizar ben o noso aceite.

Iso será o seguinte capítulo e serviranos para aprender a avaliar a densidade dun medio mediante unha representación gráfica e a medirlle a súa acidez...sí acidez, seguramente se lle preguntas a túa nai ou pai, saberache dicir se compra aceite de 0,4 ou 1 grao de acidez...

xa veremos de qué vai isto...ata a semana que vén;-)

 







viernes, 10 de marzo de 2023

3 DÍAS DESPOIS...

Xa temos as nosas botelliñas de aceite extraído con auga en repouso durante 3 días...A semana que vén separaremos as fases.
O que se pode apreciar é que en case todos se observa a interfase de maneira nítida menos nas 2 probas que empregaron mestura de aceite usado en peor estado. Evidentemente nesa mostra había bastantes substancias que provocaron unha emulsión no medio de contacto facendo que a separación non fose moi clara.



martes, 7 de marzo de 2023

EMPEZAMOS A ANDAINA DO BIODIESEL

Hoxe empezamos con ilusión e con 6 alumnos e alumnas voluntarios e voluntarias de 4ºESO, unha bonita andaina polo mundo do biodiesel.

Espero que a aventura nos leve por sitios tan interesantes como a exploración bibliográfica, a purificación de compostos, a síntese química, a identificación de sustancias...e moitas máis cousas que nos fagan pensar e decidir en base a criterios científicos.

En definitiva unha pequena aproximación ao apaixoante mundo da ciencia; unhas poucas frustracións...aderezadas cunhas poucas ilusións...perseguindo un obxectivo común: saber como traballan os científicos.

Se de paso podemos transformar algo malo como o aceite usado en algo bo como un combustible para facer funcionar as máquinas...mellor que mellor.

Pero tranquilos, como diría Jack o destripador, imos por partes...se todo sae como queremos, imos ter moitos días para contar, cronoloxicamente moitas cousas.

Hoxe tivo a posta en acción.

Estes 6 valientes presentáronse ás 15:00h no laboratorio de química, cheos de curiosidade e enerxía para ver que lles esperaba.


Pois o que lle esperaba era...

1: Unha presentación do que iamos intentar facer, un pouco de química, sen pasarse, para non agobiar...

2: Unha posta en escea para porse mans á obra.

Cada un trouxo o seu pequeno bote de aceite usado e hala...a traballar.

A primeira fase era intentar quitarlle o máis "gordo" ao aceite, porque nisto dos aceites usados pódeste atopar de todo...así que habería que filtrar. As mostras que trouxeron non tiñan mala pinta e non houbo moito que quitar...pero algo é algo...


Aquí temos a Helena facendo pasar o seu aceite polo tamiz e xa medindo os aproximadamente 250 mL que imos empregar para a primeira proba.

O seguinte paso nesta primeira fase de purificación do aceite usado era extraerlle todo o que puidera conter e fose máis soluble en auga...para iso introduciron o aceite nas súa botellas de plástico:


E a continuación engadir meter nesa botella uns 50 mL de auga, pechar co tapón e axitar enerxicamente para acadar un contacto moi fino entre a fase acuosa e a fase orgánica. Así todo o que puidese estar flotando a nivel microscópico polo aceite fose arrastrado pola auga nesa loita "corpo a corpo" entre ambos disolventes.

Este é o aspecto das diferentes botellas despois deste proceso de extracción tras un repouso de aproximadamente 18 horas.