sábado, 20 de abril de 2024

COMPLETAMOS A SÍNTESE

Este ano o ritmo non pode ser moi continuado pero polo menos podemos reunirnos de vez en cando e seguir o proceso.

O martes 9 de Abril conseguimos illar o noso primeiro biodiesel.

Tiñamos as dúas capas de biodiesel e glicerina no matraz e a cuestión era cómo podíamos separar o biodiesel, que estaba na parte superior debido á súa menor densidade.

Pois dado que a cantidade non era moi grande empregamos pipetas cos seus correspondentes aspiradores automáticos. Todo iso aderezado cun pouco de paciencia e alehop...directos ao funil de decantación


Levámolo a este utensilio porque a seguinte etapa implicaba lavar o biodiesel con auga para arrastrar os restos de sosa, de metanol...e así deixar limpo o noso combustible.
Incluso empregamos unha disolución de vinagre porque co seu pH ácido axudaríanos a neutralizar os restos de sosa da reacción.
O caso é que o biodiesel que sintetizamos axitando en quente tiña un aspecto moitísimo mellor que o que deixamos despois de que non reaccionara sen axitar e a temperatura ambiente. E isto volveuse a poñer de manifesto na fase de lavado porque neste último, ao mesturalo con auga, formouse unha emulsión moi fea, chea de xabón (síntoma de que había auga no medio de reacción) que fixo moi complicado distinguir as dúas fases para separalas...







Porén, o biodiesel "bo" separaouse moi ben e non formou emulsión algunha...




Despois de 2 ou 3 lavados voltamos a extraer o biodiesel do funil mediante unha pipeta e deixámolo nun vaso de precipitados.

Finalmente secámolo no microondas controlando coa sonda de temperatura que esta subira de 100ºC pero non de 130 ou 140ºC para conseguir que se evaporasen os restos de auga pero sen chegar ao flash point do biodiesel.


Cos poucos días que temos para volver a quedar xuntos, o único que nos quedaría sería caracterizar este biodiesel medindo algún parámetro característico como a densidade ou a viscosidade. 
En breve publicaremos os resultados acadados.




 

miércoles, 28 de febrero de 2024

SEGUIMOS A ANDAINA DO BIODIESEL

Por fin puxemos as primeiras probas de síntese...

Traballamos con 4 mostras de 200mL de aceite usado seco e limpo para ver a influencia da temperatura e da axitación.

Aquí vemos a Gabriel e Eneas iniciando o proceso despois de meter o aceite no matraz Erlemeyer e introducirlle uns 50 mL de metanol con sosa, que previamente deixamos que se mesturasen ben durante media hora para conseguir que se formara algo de metóxido sódico.


Das 4 probas, a que se fixo a temperatura ambiente sen mesturar, quentando sen e a temperatura ambiente mesturando...non amosaron presencia algunha de produtos. ¿Como o soubemos? Pois poruqe esta reacción non só produce biodiesel senón glicerina...que é un indicativo clarísimo de reacciópn positiva porque é negra e detéctase perfectamente. 

Mirade senón a proba que se fixo quentando a uns 50 graos centígrados e axitando magnéticamente de xeito vigoroso.


Queda claro que a proba a maior escala farémola quentando a uns 50ºC e axitando ben.

A xustificación está clara: esta reacción é algo especial porque implica facer que interactúen substancias que non son moi miscibles entre sí (metanol e aceite). Para conseguir que haxa o maior contacto entre as moléculas reaccionantes é preciso axitar moi ben para que se mesturen as fases...se por riba quentamos, contribuímos a un maior movemento molecular e así favorecemos as posibilidades de que as moléculas de metanol se aproximen ás do triglicérido do aceite e ataquen os seus grupos éster liberando a glicerina e formando ésteres metílicos cos ácidos graxos correspondentes. A estes ésteres metílicos é o que chamamos BIODIESEL.

Xa nos queda menos para completar o proceso


martes, 20 de febrero de 2024

VISITA AO CITEEC E AO CIFP SOMESO

O luns 19 de Febreiro, o alumnado de 3ºESO e do club de ciencias, na compaña dos profes Miguel Poncela e Fabio González, gozou dunha dobre visita na cidade da Coruña.

Dunha banda, guiadas polos investigadores Gonzalo García-Alén, Luís Pena e Luís Cea, percorreron as instalacións do CITEEC (Centro de Invnovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) da UDC, onde puideron comprobar  como se está a modelar con tecnoloxía punta as inundacións e enchentes nos cursos fluviais e vilas galegas. Tamén lles amosaron modelos a escala para calibrar o comportamento de presas e outras infraestruturas hidráulicas. Tamén aproveitaron a visita para coñecer a Escola Técnica Superior de enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, da propia UDC, onde xogaron con estruturas de diferentes tipoloxías.

Doutra banda, o profesor do departamento de Edificación do CIFP Someso, Juan Bello, amosoulles a súa popular "vieira", un edificio senlleiro proxectado seguindo os principios de bioconstrución. Tamén puideron percorrer a súa mostra de fornos e cociñas solares, emprazándoos a un futuro obradoiro para aprender máis sobre deste método de cociña sustentable e respectuosa co medio ambiente.








lunes, 29 de enero de 2024

POR AQUÍ CHE ANDAMOS DE NOVO...

Me imaxino que xa pensariades que desaparecéramos da faz da Terra. Pero non; nada máis lonxe da realidade. Seguimos dándolle de vez en cando ao biodiesel pero este ano o tempo para publicar no blog o traballo brila pola súa ausencia...

Pero de hoxe non pasa.

Contarvos que este curso 2023-24 temos un grupiño moi interesado nisto da ciencia porque si...porque somos de ver as cousas doutro xeito...¿non si rapaces?

A maioría son de 4ºESO pero tamén se nos uniron tres de 3ºESO.

Xa sabedes que son moi ben recibidos todos aqueles que teñan como motivación a curiosidade por preguntar e intentar ir un pouco máis alá do esperado...

Este ano quero seguir traballando o tema do biodiesel con eles porque nunca o viron e creo que dá pé a facer moitas cousas diferentes no laboratorio. Coller destrezas neste ámbito ven moi ben na súa formación científica.

Ademáis espero que busquemos algúns días para levar a cabo un traballo de campo arredor do IES para medir a calidade de auga da zona.

Estamos a reunirnos os martes: Levamos xa uns 5 ou 6 ao longo deste curso.

¿Onde nos atopamos no proceso? pois xa filtramos o aceite, o secamos e lle medimos a acidez.

Mañá imos determinarlle a densidade antes de facer a reacción de transesterificación.