martes, 20 de mayo de 2025

EVIDENCIAS DO APRENDIDO

Despois da sesión tan produtiva que tivemos con David Ballesteros apetecía levar algo do aprendido ás aulas. Seguro que á rapazada lle ía gustar.

Foi tal a cantidade de cousas que nos amosou que tampouco pretendemos implementalas todas neste curso...xa cadrará o momento máis axeitado en función do desenvolvemento curricular.

Pero un par de cousiñas si que nos apetecía probar.

A lupa electrónica era algo que conectado ao dispositivo axeitado nos podía axudar a ver o MUNDO DESDE OUTRO PUNTO DE VISTA.

¿Bonita bolsa de tela verdade?


Pero se nos aproximamos máis...mira ti como cambia a cousa:


E esa pantalla de móbil que sempre estás a mirar...


Pois non é tan suave e continua como ti crees...


¿Ves os pixels da pantalla LED?...curioso ¿verdade?

E eses cristais que tanto tempo che levou formar na práctica de cristalización na materia de Física e Química...pero non me digades que non valeu a pena ser tan paciente se acabou construíndose algo tan arquitectonicamente perfecto coma isto..


E todo grazas a este aparatiño tan simple e insignificante:


Un microscopio dixital que conectado ao mobil ou á pantalla do ordenador ofrécenos unha visión do mundo algo máis detallada...xa queda ao entender de cada un se aproximarse é bo para apreciar cada matiz...lembra que tamén se aprecian mellor os defectos ;-)

Tamén lle queremos dar as grazas á profesora Rita Fernández porque esta semana púxose mans á obra con alumnos de necesidades específicas de apoio educativo.

Pasárono moi ben fabricando bombas de baño. A lectura do guión no que aparecían os pasos a seguir xa foi un reto e puxo de manifesto o importante que é seguir os camiños da ciencia e non saírse deles en busca de aventura. Isto non está prohibido na ciencia; é máis, é recomendable facelo de vez en cando para explorar rutas máis emocionantes no mundo do saber, pero desde logo hai que saber cando facelo, e desde logo non é cando estás probando por primeira vez. Primeiro intenta reproducir un experimento da maneira máis sistemática e controlada que poidas para que saibas extraer mellor as conclusións...

A cousa parecía sinxela: tratábase de mestura un pouco de ácido cítrico por unha banda...e un pouco de bicarbonato sódico por outra...Para facer a experiencia do baño máis exótica e relaxante pois poderíamos engadir unha esencias...



Unha vez esmagados ben os compoñentes...pois a mesturar todo o conxunto...


Só quedaba encher os moldes para darlle ás nosas bombas a forma desexada, neste caso unhas preciosas esferas...Pois nada, a encher moldes.





A parte final simplemente sería quitar a mestura do molde coa forma desexada e á auga patos...






E a desfrutar co relaxante crepitar da bola ao entrar en contacto coa auga e iniciar a reacción simple entre o ácido e o bicarbonato para desprender incontables burbullas de dióxido de carbono que tratan desesperadas de escapar dese opresivo medio líquido cara mundos máis libres como o gasoso que nos rodea. Ao abrirse camiño entre as moléculas de auga para escapar provocan ese ruidiño tan ASMR que nos transporta a mundos máis tranquilos que este...
A cousa parece un conto ou unha serie de Disney...por iso seguro que o grupo de Rita decidiu darlle emoción ao asunto e meteu uns pétalos de flores como aditivo na mestura e de paso (e sen querelo...) un  pouquiño de humidade...co cal a reacción iniciouse xa nos molde e acabaron uns rebentando, outros resistíndose a ser abertos...digamos que o fin de semana de spa e relax tornou nun fin de semana algo máis estresante.
O balance final foi positivo porque aprenderon que en ciencia a reproducibilidade e o control de variables é esencial para acadar o éxito experimental e sobre todo as risas...o inesperado sorprende e pode converter un momento aburrido noutro moi divertido. 
Ao final trátase de pasalo ben ¿non?
O dito, grazas a todos pola participación desinteresada nesta traxicomedia que é a ciencia por e para adolescentes;-)