A resposta é si: estamos fartos da chuvia e das nubes e de esperar un día despexado para medir sombras no patio do colexio e poder empezar a traballar no proxecto que nos axudará a medir o radio da Terra...
Hoxe collemos e metémosnos no laboratorio a fedellar un pouco coa química e a física para tocar outros "paos" (este chiste non o entenderedes ata que fagamos o de Eratóstenes...)
Hoxe propúxenlles traballar cuns anacos de porexpan de forma de prisma, deses que podedes atopar en moitas caixas para protexer o contido que teñen dentro.
O primeiro sería medir a densidade do porexpan e como son moi aplicados non houbo problema. Cunha balanza analítica que chega ata a milésima de gramo anotaron as masas dos 4 anacos que empregamos. A cousa andaba entre os 5 e os 6 gramos.
En canto ao volume aproveitaron a forma perfectamente prismática que tiñan (ja ja, este seguro que podería ser o segundo chiste da xornada...) para sacar do caixón das matemáticas a fórmula de lado ao cubo e así chegamos a volumes arredor dos 300 mL.
Cos estes datos, a densidade (masa/volume) era directa. Neste caso non nos importaba a precisión da medida, senón o valor, que andaba polos 0,015 g/mL...ou sexa BAIXÍSIMA.
Quería que tiveran isto presente para resolver o reto que lles propuxen a continuación: ¿Serías quen de meter polo menos 1 dos catro anacos de porexpan nun vasiño de precipitados pequeno (50ml)?
O caso é que Ray, moi botado "padiante", dixo si. Vino tan decidido que había que deixarlle probar.
E aquí o vemos en plena "faena" esnaquizando o porexpan con sumo coidado en anacos pequenos para ver se cabía todo dentro.
Paciencia non lle faltou pero cando chegou ata aquí:
desistiu porque xa vía que a cousa rebosaba e aínda lle quedaba moito porexpan por meter.
E iso que recibiu axuda por parte dos compañeiros
Parece que a terapia de choque non ía funcionar desta volta.
Pero axiña xurdiu outra vía. Alguén propuxo disolvelo en auga. Pero o intercambio de opinións deixou claro que a cousa estaba complicada porque o porexpan non se disolve en auga (de feito é un magnífico illante contra a humidade) e logo a densidade obtida ao empezar deixaba claro que non ía ser fácil metelo en auga porque ten unha densidade máis de 60 veces inferior á da auga, con cal non se afunde na auga nin en broma.
Chegou o momento de sacar a escena o elemento sorpresa da sesión: a acetona. Un disolvente moi diferente á auga...¿Probamos? Imos aló...
¿Sorprendida Miriam? Home algo si. Isto de ir metendo o bloque no vaso con acetona e ver que ía desaparecendo pouco a pouco diante dos teus ollos...
O máis sorprendente para eles eu creo que foi comprobar que un pequeno vasiño con acetona tragou literalmente 4 anacos de porexpan de 50 cm de longo...ou sexa 2 metros de longo de porexpan...e todo nuns segundos.
Judith tamén quixo probar:
Ata que nos quedamos sen porexpan
¿Que pasou logo? pois que lles dixen que significaba porexpan: POLIESTIRENO EXPANDIDO...
ou sexa un polímero orgánico que ocupaba moitísimo volume porque o expandiron...INXECTÁNDOLLE AIRE.
O que fai a acetona é eliminar ese aire entre as moléculas de poliestireno e disolver logo esta substancia.
O aspecto que adoptou o polímero despois de sacalo do vaso e secalo non se pareceu en nada ao que amosaba ao empezar esta historia.
Outro "guiño" máis da natureza: ¿Somos o que somos ou o que parecemos? Pensa nisto mentres seca o poliestireno e mañá che digo...
Pois o prometido é débeda...aquí tedes o aspecto do porexpan ao día seguinte:
Confirmado: Nada é o que semella, so depende das circunstancias nas que se atope ;-).








