sábado, 28 de febrero de 2026

¿EMPEZAMOS A MEDIR O RADIO DA TERRA?

A idea de medir o radio da Terra empregando o método tan sinxelo pero á vez tan espectacular que Eratóstenes usou hai máis de 2300 anos xurdiu a principio de curso. 

Sería unha excusa perfecta para lanzar un e-twinning e buscar socios por toda Europa para compartir datos e dotar ao proxecto da máis empaque.

Pois aquí estamos 5 meses despois botando a andar...non, non foi preguiza...foi a meteoroloxía.

Por incrible que pareza levamos 5 meses debaixo das nubes con moitísimos días sen parar de chover, aburridos xa...

Pero por fin o sol saiu (xa o dí o dito, que nunca choveu que non escampara) e sacamos os aparellos á rúa.

Pero bueno, tampouco podemos dicir que a cousa empezara perfecta porque o martes 24 de febreiro empezamos moi ben antes do mediodía solar e logo as nubes volvéronnos a chafar o asunto e non puidemos completar datos.

Porén o venres 27 si que tomamos uns cantos datos que polo menos nos permitiron facer os primeiros cálculos con base científica.

O grupo polo menos botou a andar:


Situamos a plataforma de porexpan na que imos apuntar os puntos ao que chega a sombra do noso "pao" (un Soporte Universal de laboratorio)


Asegurámonos que a superficie estea nivelada:



E hala...a medir:


Polo menos puidemos completar datos ainda que non en todos os momentos que queríamos porque de novo as nosas queridas amigas as nubes fixeron acto de presenza.


Os datos deron para unha pequena representación na folla de cálculo que permitiu visualizar a parábola que buscamos porque no seu vertice está o noso mediodía solar, é dicir, o momento no que o sol acada a súa maior altura no horizonte porporcionando a sombra mínima

Segundo a aproximación que nos proporciona o programa mediante un axuste da gráfica a unha función polinómica podemos calcular o vértice aos 99 minutos de tomar a primeira medida (que foi ás 12:03 ) é dicir o mediodía produciuse sobre as 13:42h (hora local de Mugardos).

Nese momento podemos altura a altura solar porque a altura (H) da barra metálica era duns 50,3 cm e a sombra duns 63 cm 

polo tanto para calcular ALFA (α) temos tg α=50,3/63, en definitiva α=38,6º

Xa anticipo que o ángulo complementario β é o que buscamos porque a medida del noutro punto do noso meridiano permitiranos calcular a curvatura do planeta.

Temos socios en Cerdeña, Turquía, Polonia, Xordania e Irlanda. Desta volta só puidemos comparar datos con Cerdeña que foi onde tiveron bo tempo tamén. Desgraciadamente non nos serve Cerdeña para calcular o radio do Planeta porque case están no mesmo paralelo que nos, so que moito máis ao leste, uns 17º aproximadamente polo que o mediodía chega uns 68 minutos antes que o noso.

Efectivamente, os datos proporcionados por Stefanía en Selargius sitúan añi o mediodía arredor das 12:30h o cal coincide co noso resultado.

Conforme repitamos a experiencia e corrixamos os erros que estamos a cometer seguro que acabamos obtendo uns datos moi precisos e, de paso, aprendendo moitas matemáticas. 

VISITA DA NOSA INVITED EXPERT

Esta semana tivemos o placer de recibir no noso centro a Joselinda, a experta invitada italiana que nos veu a dar unhas pinceladas sobre o que supón estar inmerso nesta aventura de Erasmus K+ e e-twinning na que estamos participando este curso e o seguinte.

Para amenizarlle a estancia, os integrantes do club de ciencias fixémoslle unhas pequenas demostracións nas que descubriu o pouco que hai de porexpan no porexpan

Como se pode "queimar" un billete de 5 euros sen perdelo no intento:

E ata conseguimos mesturar un pouco de ciencia e un pouco de arte:

Aproveitando que o Pisuerga pasaba por Valladolid ensinámoslle o sitio onde precisamente ese día (martes 24 de febreiro) iamos empezar a nosa tanda de medicións de sombras dun pao coa que pretendemos medir o radio da Terra xunto cos datos doutros colegas europeos.1

Foi un hora moi divertida porque Joselinda era moi divertida e había ganas de pasalo ben. Tanto foi así que a rapazada lle pediu un cuarto de hora máis para que nos contase cousiñas da educación en Silicia, que é onde ela imparte clases de Inglés

So nos queda agradecerlle de todo corazón a visita, o humor, a predisposición para todo e principalmente por permitirnos comprobar que as cousas básicas en materia educativa non entenden de fronteras.



jueves, 19 de febrero de 2026

GAÑADORES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CIENTÍFICA

A verdade foi complicado este ano elixir algún gañador. O nivel foi alto pero finalmente o xurado decantaouse por un par de fotografías nas que vislumbrou algo especial...

2º premio para "MIRA O BIG BANG" De Noa Brage, "pola utilización do punto como elemento central da composición e o plano detalle que permite ver toda a textura do universo óptico" ademáis de "conformar unha composición hipnótica da que é difícil escapar"


E tachán, tachán...1º premio para "SUBES... OU BAIXAS" De Ana Varela "pola orixinalidade do encuadre o do punto de vista do contrapicado extremo que amosa unha xeometría estelar" ademáis de "acadar algo dificil de conseguir, como é plasmar unha ilusión óptica que che permite facer 2 viaxes diferentes segundo a perspectiva captada polo observador"


 

miércoles, 4 de febrero de 2026

TRABALLANDO CON COCA COLA

Si, a verdade é que non debiamos facer publicidade pero neste caso é razoable...imos intentar extraer da Cola Cola iso que fai a uns a busquen e outros a detesten: a cafeína.
O proceso danos a posibilidade de aprender un par de cousiñas de física e un par de cousiñas de química...
Para o nosa experiencia empregamos o contido dunha lata de 33cL, evidentemente CON CAFEÍNA.
A primeira parada no camiño fixémola da mana da química. Confirmamos as lendas urbanas que fan da Coca Cola un bo axente de limpeza de óxidos ou similares...porque a medida do seu pH certificou o seu carácter ácido...e non precisamente un ácido moi débil porque os valores estamos arredor de 3-4 (lembrade que nesta escala o 7 representa a neutralidade e os valores próximos a cero son os máis ácidos, xa digamos que perigosamente ácidos.
Nestas condicións o mellor será proceder á súa neutralización e para iso empregamos algo que actuara como o seu contrario, que quimicamente falando implica usar unha base como o bicarbonato de sodio.


A neutralización foi instantánea. As burbullas provocadas polo dióxido de carbono liberado así o parecía indicar e o pH subindo a 7-8 confirmou as sospeitas.
Xa tiñamos a Coca Cola preparada así que..."padentro"


O sitio onda se vai a desenvolver o proceso clave é un recipiente curioso en forma de pera; chámase FUNIL DE DECANTACIÓN. 
O seu deseño vainos permitir observar mellor todos os detalles.
O que imos facer é moi simple. Introduciremos outro disolvente no funil para que se xunte coa Coca Cola, pero ten que ser un disolvente especial. Non se poderá mesturar coa Coca Cola, ten que ter unha densidade diferente e último e máis importante: ten que disolver mellor a cafeína que a propia Coca Cola.
Esencialmente esta bebida é case que na súa totalidade AUGA, polo tanto buscamos un disolvente orgánico. Empregaremos TETRACLORURO DE CARBONO.
Cando introducimos este disolvente orgánico vemos claramente como queda na parte inferior do funil porque é máis denso.


O seguinte paso: moi importante, axitar ben, para que auga e tetracloruro entren en contacto e a cafeína teña a oportunidade de "saltar" da auga da Coca Cola ao tetracloruro de carbono.



Nos primeiros instantes, tras deixar o funil en repouso, fórmase unha emulsión 


Pero non hai que esperar moito para ver unha clara separación de fases.



Así que toca separar as fases e para iso abrimos a chave de paso para que a fase orgánica caia no cristalizador.



Para optimizar o proceso repetimos o proceso por se quedaba algo de cafeína sen extraer




Xuntamos as fases orgánicas dos diferentes lavados no cristalizador e só quedaba...ESPERAR. Iso que tanto nos axuda pero que tan pouco nos gusta, a PACIENCIA.
Pois si, tocaba esperar para que o tetracloruro de carbono se evaporase e deixase á vista no fondo do cristalizador eses cristaliños que probasen a existencia de cafeína na Coca Cola. Pero para iso temos que esperar ata o xoves a ver se esta molécula orgánica non nos sae moi tímida e se deixa ver...


Pois, efectivamente obtivemos os desexados cristais. Non foron moitos nin se puido catalogar como unha crsitalización marabillosa, pero suficiente para comprobar a formación das agullas cristalinas características da cafeína.
Para observalas foi de gran axuda a lupa electrónica que conectamos ao ordenador.


A continuación deixamos unhas poucas instantáneas que dan fe dos resultados.