martes, 29 de octubre de 2024

Decorando o samaín

Chega o Samaín (¿Ou é o jalowin? é que estas americanadas xa me fan dubidar...)

e as profesoras Laura, María Jesús e Rita puxeron aos artistas de 1º, 2º e 3º ESO a traballar para darlle un toque de cor y distinción á celebración.

Gusto había, capacidade tamén...co cal o resultado non podía ser outro máis ca este



Morcegos, bruxas everywhere ;-) (¿que tal Laura?)

Os nosos parabéns porque cada vez que nos fan algo con papel esta rapazada nos deixa alucinados.

Por certo para os cientificamente escépticos: a papiroflexia non é SOAMENTE una manifestación artística. É o resultado de todo un deseño cunha base matemática moi sólida...e pódovos asegurar que non tan doada (é que un servidor ao máximo que chega é a construír un avionciño de papel...que non sempre voa...)

O dito, parabéns. E non vos preocupedes que Laura e os seus secuaces ameazan con amosarnos máis deseños chulos en próximas celebracións


domingo, 27 de octubre de 2024

A AUGA...ESE BEN TAN PREZADO E TAN DESPREZADO

Arrancamos un ano máis desde o departamento de Física e Química a nosa pequena achega ao club de ciencias. 

Desta volta contamos con estes 7 valentes de 4ºESO.


O pasado martes 22 de Outubro reunímonos para falar, planificar, distribuir, un pouco de todo.

E como resumo, quedamos en estudiar algo tan coñecido por todos como é a auga...pero a aproximación iámola facer desde a física, a química, a bioloxía...un punto de vista moi científico, desde logo.

A idea é facer un estudo bastante amplo con datos obtidos mediante diferentes ensaios pero contextualizalo ben, e en base a eles intentar determinar a calidade da auga de traída de Mugardos, así como a do mar e a dun río...sempre que o tempo e o resto de actividades nolo permitan.

Resultado da investigación tamén nos propoñemos presentala nun formato de artigo de revista científica para así reproducir da maneira máis fidedigna posible o quefacer dos científicos.

Foi unha hora moi entretida onde ata puiden comprobar que hai materia prima suficiente para intentar explotar ao máximo estas pequenas vocacións científicas, porque non lles levou moito poñer en orde unha serie de debuxos cos pasos a seguir na utilización correcta do kit para determinar osíxeno en auga.

O dito...arrancamos con boas vibras.


 

jueves, 17 de octubre de 2024

MEDINDO A TEXTURA DUN SOLO CO ALUMNADO DE FP BÁSICA

Hoxe presentámosvos unha curiosa, sinxela e esclarecedora experiencia para saber que tipo de solo temos en canto a textura. É dicir, que tipo de partículas minerais constitúen ese solo. Normalmente esa constitución exprésase facendo referencia a tres materiais: arxila, limo e area. Segundo sexa a porcentaxe presente de cada un deles poderemos catalogar ese solo dun xeito ou outro a través do diagrama triangular da USDA (United States Department of Agriculture)

Para os máis profanos na materia como un servidor pode parecer cuestión baladí...pero para a xente que traballe en xardinaría resulta sempre un dato importante e básico coñecer esta composición, para sacarlle o mellor partido posible a ese solo de cara ao que queiramos plantar nel.

O profesor Pablo Gómez deseñou a experiencia co alumnado de FP básica I e os resultados foron moi positivos porque permitiron non só saber o tipo de solo que se traían entre mans, senón tamén amosou a súa capacidade para traballar en equipo e levar á práctica unha metodoloxía teórica.

despois que recibir as instrucións pertinentes puxéronse mans á obra. O primeiro sería coller o ancillo e introducir a mostra de terra no bote de cristal axeitado. Con fins máis ben relacionados coa conservación de alimentos John Landis Mason usou moito estes típicos frascos de cristal con tapón de rosca alá polo 1858. Fíxose tan famoso ao patentalos que poderedes atopar incluso que este método de caracterización de solos faise polo método do "Mason Jar". O que ven sendo o frasco de cristal de toda a vida, "pa que nos entendamos". Hai que ver o que son as patentes eh....

Pois aí os temos, collendo a terriña para o Mason Jar:



O segundo paso era introducir auga no bote, pechar ben e axitar con forza para que todos os elementos se mesturasen ben:


O seguinte protagonista non o puideron fotografar...porque era a gravidade. Resulta que é un pouco lenta e usa a súa arma máis potente, unha que poucos teñen: A PACIENCIA. Tivéronlle que dar un día para que rematase o seu traballo.

Iso sí, parece que cumpriu porque mirade que aspecto máis chulo tiña o bote ao día seguinte:


Onde semella haber unha soa cousa...resulta que polo menos había tres: un pouco de area no fondo, cuberta por outra de limo e para rematar, na parte superior quedaron as partículas menos densas, as que conforma a arxila.

Pero como non buscaban só un resultado cualitativo e visual, decidiron transformar isto en matemáticas...Ahá, pensabades que vos iades librar eh?. Pois non. É que é o que teñen as matemáticas, que serven para todo.

Pois nada, regra en man, lápiz e papel e alehop: a medir a altura de cada capa...¿doado non?

45 mm de area, 25 mm de limo e 5 cm de arxila.

Tampouco te rías tanto do fácil que foi. Ao mellor máis de un collía a regra e como aparecía por ali escrito "cm" a cabeciña acababa dando o resultado en cm...

O proceso de medida é unha das claves (á par que fonte de erro asegurado se o fas mal) na toma de datos. A sensibilidade do aparello empregado é importante tela en conta e nesta caso a regra proporcionada tiña unha precisión de décima de cm, ou sexa, mm. Conclusión: os rapaces expresaron os resultados correctamente.

Más non podía quedar aí a cousa porque saber que a nosa capa de area era de 45 mm dicía moito...ou non dicía nada, segundo como o mirases: ¿como era de grande o bote? porque non sería o mesmo que fose moi ancho que moi estreito...había que expresar os resultados do xeito máis axeitado, que neste caso era SEN UNIDADES (adimensinonal) Expresándoo en % eliminábamos este problema.

Para facer isto tiramos mal da proporcionalidade directa (si, outra vez as matemáticas...qué cruz..que sorte...)

Pois se toda a capa de terra medía 75mm de alto (100%), 45mm supoñían...un 60%.

Analogamente o limo supoñía un 33´3% e a arxila un 6´6%.

Agora si que os resultados podíaos entender calquera porque en termos de % enténdense moi ben as cousas.

O que xa non temos nin idea os que non estamos moi duchos na materia e o tipo de solo que implica esa combinación de porcentaxes.

Pero para todo hai arranxo...moita xente antes ca ti preguntouse o mesmo e un día decidiu catalogar os tipos de solo pensando en todas as posibles combinacións de porcentaxes de area, limo e arxila. Despois dun traballo estrito e meticuloso ocorréuselle presentar os resultados dun xeito máis atractivo e visual, e para iso fixo un triángulo no que cada compoñente faría o papel de cada lado do triángulo. Trazando as paralelas correspondentes a cada lado de 5% en 5% acabamos formando unha grella como esta onde poderemos catalogar as posibles combinacións finais


Espero que a explicación tan caseira do asunto non fixera que este triángulo de texturas se convertese máis ben nun triángulo das Bermudas que literalmente o tragase vivo...

Se non foi así, co triángulo nunha man e os resultados numéricos obtidos noutra, aquí vos amoso o resultado final da terra examinada:

Efectivamente: temos un solo FRANCO ARENOSO

O único que nos queda e darlle os nosos parabéns e Pablo e ao seu alumnado de FP básica I, por redondear un traballo moi bonito.

Un claro exemplo de ciencia. Algo onde debaixo dunha aparente sinxeleza de execución se agocha un intenso e sólido traballo matemático que obriga subrepticiamente a despregar máis coñecementos previos dos que un pensaba. 

Ao mellor liches rápido e non te decataches de que para facer ben o que propuxo Pablo tes que saber usar un aparello de medida, saber algo de proporcionalidade, pasar datos a unha gráfica e despois ler ben un resultado interpretando esa gráfica, e coidadiño que a gráfica non era como as que estas acostumado a ver...

A rapazada estaba contenta desde logo

Non era para menos;-)











 


0% 

sábado, 5 de octubre de 2024

COMEZANDO UNHA NOVA ANDAINA

Botou a andar o curso 2024-25. Novos proxectos, novas ilusións, novas responsabilidades. Pero aquí seguimos, ao pé do cañón, intentando transmitir o gusto polo facer científico. Desta volta seguiremos co noso club de ciencias, unha comunidade que non entende de compartimentos estancos e que abrangue a toda a comunidade educativa. Iremos enchendo a nosa caixiña científica con todas as actividades que se vaian desenvolvendo ao longo do curso e xa veredes canto suman moitas cousas pequenas.
Empezamos forte este ano porque onte venres 4 de Outubro a profesora de bioloxía Laura de Uña acompañou á súa clase de 3ºESO nunha viaxe ao máis profundo do mundo celular, ao mesmo núcleo, porque alí se atopaba ese supermacromoleculón que chamamos ADN que tantos misterios agocha...
Xuntos asistiron a unha sesión protagonizada por Marta de Gracia e María Herminia, da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), na que, co gallo de extraer ADN do núcleo das células vexetais do amorodo, repasaron as etapas do método científico, ese manual que os que traballamos en ciencias xa temos interiorizado pero que convén explicitar de cando en vez, para ver cales son os piares sobre os que se sostén o noso traballo.
A sesión comezou cunha breve introducción sobre a labor que ven desenvolvendo a AECC, salientando a importancia que ten coñecer ben o ADN dunha especie para loitar contra as mutacións que poidan orixinar ese tan temidos tumores malignos.




Despois do cal puxéronse mans á obra machacando os amorodos dentro dunha bolsa de plástico e preparando unha mestura con sal, auga e deterxente.






Despois de botarlle na bolsa esa mestura aos amorodos machacados esperouse un tempo suficiente para que as membranas celulares acabaran de romper e filtrouse o contido a outro recipiente. 
Nese recipiente é donde finalmente se puideron ver unha especie de fios brancos que non eran outra cousa mais que o desexado ADN.
A experiencia saiu estupendamente científica porque tivo os seus atrancos que incitaron á formulación de máis hipóteses e á modificación das condicións experimentáis co obxectivo de que melloraran os resultados (¿Que tal se empregamos máis sal?...que tal se cambiamos amorodos por algo máis maduro como un plátano?...)


Non obstante demos por ben empregada a hora de ciencia. Como en todo bo informe científico que se precie non podíamos rematar sen os agradecementos pertinentes, que neste caso teñen uns protagonistas claros: todos os integrantes da AECC que fan unha extraordinaria e, ás veces nada gratificante, labor nesa eterna loita contra unha das lacras más importantes da nosa sociedade. Haberá que seguir confiando na ciencia e nos seus avances para que un día todos estes desvelos na procura dunha solución non sexan máis que un mal recordo.