sábado, 5 de octubre de 2024

COMEZANDO UNHA NOVA ANDAINA

Botou a andar o curso 2024-25. Novos proxectos, novas ilusións, novas responsabilidades. Pero aquí seguimos, ao pé do cañón, intentando transmitir o gusto polo facer científico. Desta volta seguiremos co noso club de ciencias, unha comunidade que non entende de compartimentos estancos e que abrangue a toda a comunidade educativa. Iremos enchendo a nosa caixiña científica con todas as actividades que se vaian desenvolvendo ao longo do curso e xa veredes canto suman moitas cousas pequenas.
Empezamos forte este ano porque onte venres 4 de Outubro a profesora de bioloxía Laura de Uña acompañou á súa clase de 3ºESO nunha viaxe ao máis profundo do mundo celular, ao mesmo núcleo, porque alí se atopaba ese supermacromoleculón que chamamos ADN que tantos misterios agocha...
Xuntos asistiron a unha sesión protagonizada por Marta de Gracia e María Herminia, da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), na que, co gallo de extraer ADN do núcleo das células vexetais do amorodo, repasaron as etapas do método científico, ese manual que os que traballamos en ciencias xa temos interiorizado pero que convén explicitar de cando en vez, para ver cales son os piares sobre os que se sostén o noso traballo.
A sesión comezou cunha breve introducción sobre a labor que ven desenvolvendo a AECC, salientando a importancia que ten coñecer ben o ADN dunha especie para loitar contra as mutacións que poidan orixinar ese tan temidos tumores malignos.




Despois do cal puxéronse mans á obra machacando os amorodos dentro dunha bolsa de plástico e preparando unha mestura con sal, auga e deterxente.






Despois de botarlle na bolsa esa mestura aos amorodos machacados esperouse un tempo suficiente para que as membranas celulares acabaran de romper e filtrouse o contido a outro recipiente. 
Nese recipiente é donde finalmente se puideron ver unha especie de fios brancos que non eran outra cousa mais que o desexado ADN.
A experiencia saiu estupendamente científica porque tivo os seus atrancos que incitaron á formulación de máis hipóteses e á modificación das condicións experimentáis co obxectivo de que melloraran os resultados (¿Que tal se empregamos máis sal?...que tal se cambiamos amorodos por algo máis maduro como un plátano?...)


Non obstante demos por ben empregada a hora de ciencia. Como en todo bo informe científico que se precie non podíamos rematar sen os agradecementos pertinentes, que neste caso teñen uns protagonistas claros: todos os integrantes da AECC que fan unha extraordinaria e, ás veces nada gratificante, labor nesa eterna loita contra unha das lacras más importantes da nosa sociedade. Haberá que seguir confiando na ciencia e nos seus avances para que un día todos estes desvelos na procura dunha solución non sexan máis que un mal recordo.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario