lunes, 8 de diciembre de 2025

¡QUE REPELENTE ES!

Tranquilo non te estou insultando...iso foi o que lle dixo unha placa de papel de aluminio a outra cando a rapazada de 2ºESO decidiu construír con elas un electroscopio caseiro.



Foi unha experiencia chula que axudou a comprender como é posible que a carga eléctrica se transmita dun corpo (globo frotado con anterioridade) a outro (2 papeis de aluminio xuntos) mediante un cable condutor


 

No video podedes ver un extracto da experiencia.

Grazas Efi por usar o laboratorio como ferramenta e non como escenario. 

CITA ANUAL COS BISCOITOS

O alumnado de 3ºESO xa sabe que chegado o momento de estudar a materia ten una cita ineludible con un tipo de materia moi apetitosa: a dos biscoitos que teñen que facer en grupo.

Este curso 2025-26 os 27 integrantes da clase de 3ºESO repartíronse en 5 grupos e levaron a cabo todo o proceso.

Primeiro elixir receita (A familia sempre é un bo recurso para obter información...¡ai as avoas cando falten...!¿a onde irá todo o seu legado?).

Logo traballar os factores de conversión para transformar as cantidades á unidades de medida axeitadas, punto esencial para calcular o custo do biscoito, claro que para iso haberá que pasarse polo supermercado para ver a como vai o kg de fariña ou a ducia de ovos.


Buff, como para que se che caia un ao chan, ja ja.

O luns 1 de decembro chegou o momento esperado e alá foron todos, alumnado e "cachivachado" ao laboratorio e puxéronse mans á obra.









Durante  media hora a actividade foi intensa pero moi coordinada, Traballaron moi ben en grupo



E pouco a pouco esa actividade frenética pero planificada mesturada con olores de diversa índole, con texturas curiosas, con toques de distinción moi logrados...foi dando paso a produtos máis que apetecibles.







E despois de deixar de novo todos os postos de traballo máis limpos que unha patena só quedaba o toque final. 
Pero ese está reservado para Vicente, o panadeiro de "Os Corzás" que sempre nos fai o inmenso e altruísta favor de cocelos ben para que queden espectaculares. Como así foi. Comprobádeo vós mesmos:



O resumo é doado de facer:
-Actividade en grupo que motiva ao alumnado e a desenvolve con ganas, resolución de diferenzas para lograr un obxectivo común, exemplo de procesos químicos de importante repercusión na cociña (mesturas, termodinámica, cinética química, acción de lévedos no volume de masa conseguida...), consecución de produtos finais de bo sabor e presentación...e 1,4 puntiños na nota final do trimestre que a algún lle veu de perlas para evitar un tirón de orellas na casa ;-)
En serio, grazas a todos, alumnado, por participar con ese entusiasmo, e profesorado, por axudar a puntuar o sabor e presentación dos 5 biscoitos.
E ata aquí por este ano ¡Ata o próximo biscoito!

sábado, 22 de noviembre de 2025

A VOLTAS CO RADIO DA TERRA

Este ano no centro ímoslle dedicar o curso ao UNIVERSO...e que mellor homenaxe que intentar reproducir o que Eratóstenes ideou na súa cabeciña hai uns 2200 anos.

Cada vez que me paro a pensalo alucino. Sen ningún dos avances técnicos que temos hoxe en día, so con un pao, un día de sol e unha mente prodixiosa conseguiu medir o radio do planeta, algo do que por aquela época nin sequera se sabía se era redonda...

Agora vemos a proposta de Eratóstenes e parécenos moi simple, pero na presentación das cousas máis simples reside precisamente a base dos cambios máis drásticos na historia da ciencia.

O sol é a estrela que nos envía a luz que precisamos para ver de xeito natural. Ao estar a moitos millóns de quilómetros de nos podemos considerar que os raios que chegan ata nos o fan paralelos entre si.

Canto impactan cun pao na Terra orixínase unha sombra. E aquí temos a primeira revolución provocada por Eratóstenes...se a Terra fose plana a sombra de dous paos que medisen o mesmo, pero situados en dous lugares moi distantes entre si, sería igual de longa. Explicouno moi ben Carl Sagan nese programa de TV chamado "COSMOS" que nos marcou a tantos aspirantes a científicos:


Porén, se a Terra fose curva as lonxitudes desas sombras ían ser diferentes, tal como así...


¿E que foi o que observou Eratóstenes? Pois que había un día no ano que o sol non provocaba sombra algunha no pao cravado en Siena, porque estaba totalmente na súa vertical, sobre o 21 de xuño. Pero ao ano seguinte comprobou que ese día do ano un pao das mesmas dimensións cravado en Alexandría, unha localidade a máis de 800 km ao norte, si que tiña una sobra considerable.

¿Conclusión? Que a Terra era redonda, e esa curvatura era a causa desa diferencia de sombras. ¡Que sinxelo e irrefutable, verdade! Pois mira que a algúns aínda lles custa crelo. En fin...

Pero a cousa non quedou nunha simple observación cualitativa. Eratóstenes foi quen de aplicar certos conceptos básicos de xeometría e calcular o radio de Terra a partir desa suposta curvatura.

Observa o seguinte debuxo que representa a chegada dos raios aos paos de Siena e Alexandría.


 Como podes ver, ao ser a Terra redonda, os raios procedentes do sol en paralelo seguen a vertical do pao en Siena e non provocan sombra. En Alexandría non. Se prolongamos imaxinariamente a liña dos paos vemos que se tocan no centro da Terra.

Eratóstenes percatouse dunha situación extensamente coñecida en xeometría. Cando 2 paralelas son atravesadas por unha secante se cumpre o seguinte:



 Ou sexa, que se eses ángulos A e B teñen que ser iguais, con determinar o A (moi fácil a partir das dimensións do pao e da súa sombra cunha simple razón trigonométrica tanxente) xa temos o ángulo B que nace no centro da Terra e se abre ata marcar as posicións dos 2 paos en Siena e Alexandría. Eratóstenes obtivo un valor duns 7 graos.

O seguinte que fixo Eratóstenes foi medir a distancia entre as dúas cidades, obtendo un valor duns 5000 estadios, unha medida da época que equivalía a uns 157 metros, ou sexa que a distancia situábase preto dos 800km.

O que quedaba era unha simple proporción. Unha regra de 3 que poderías facer ti mesmo sen problema.

Se un ángulo duns 7º abre unha distancia entre dous lugares no planeta duns 800 km, se abrísemos ese ángulo a 360º (apertura completa: totalidade da Terra) a distancia sería....EFECTIVAMENTE O PERÍMETRO DA TERRA.

Resultado para Eratóstenes...uns 252000 estadios, ou sexa uns 40000 km. E como xa se sabía que a lonxitude dunha circunferencia (perímetro) está relacionada co seu radio tal que é igual a 2·pi·R

XA TEMOS O RADIO DA TERRA...incrible: obtivo uns 6300 km ¡MENOS DUN 1% DE ERRO! ¡DE TOLOS!

Pois se alguén hai 2200 anos fixo isto sen calculadora, sen móbil, sen internet...digo eu que seremos quen de reproducilo ¿non?

E con esas arrancamos o martes 18 de novembro...

O material era moi básico: unha base de papel branco onde marcar o avance das sombras do noso pao, de aquí adiante GNOMON, "palabro" que gusta máis na comunidade científica (realmente neste caso un soporte Universal deses que usamos en química para suxeitar diferente material mediante noces e pinzas), unha cinta métrica e un rotulador.

A primeira hora da mañá fixemos a montaxe pero a meteoroloxía non axudou nada...non choveu, algo esencial por non mollar o papel, pero non tivemos o sol radiante como nos gustaría. Unhas condenadas nubes mitigaron a potencia dos raios e non nos permitiron apreciar coa nitidez suficiente o punto onde remataba a sombra.


Por iso, resignados xa que non estaba na nosa man modificar a meteoroloxía, tomamos a sesión como un ensaio para días mellores, nos que tomar datos fiables.

Non obstante, a rapazada puxo todo o interese e baixamos varias veces a marcar como se ía movendo esa sombra, en posición e lonxitude

Aquí vemos a Rebeca mans á obra





Aprendemos polo menos algúns detalles importantes para non meter a pata os días que poidamos medir en perfectas condicións, como fixar ben o Gnomon ao chan (calquera movemento desbarataría a medida), localizar ben o principio e o final da sombra, poñer un papel suficientemente grande para que recolla todas as sombras desexadas...)


Cousas que Inés xa procurou ter en conta nas súas medicións:



Balance final: positivo, porque dos contratempos tamén se aprende, e moito.

Polo menos xa temos unha idea de como proceder, que medidas hai que tomar, como hai que tomalas...

E tamén nos decatamos que en novembro o sol está moi baixo, dando lugar a sombras moi longas e menos nítidas, que precisan dun bo anaco de papel para ser recollidas.

A primeira pedra está posta. O seguinte día que teñamos un día solleiro aí estaremos para tomar as primeiras medidas completas que nos permitan afondar na análise matemática deste asunto ;-)

 

sábado, 15 de noviembre de 2025

AQUI ESTAMOS DE VOLTA

Xa pensabades que dimitíramos ¿non?.

O caso é que custou un pouco dar o pistoletazo de saída pero esperamos que a partires de agora os diferentes proxectos vaian asentándose e unha vez máis poidamos vivir un ano cheo de ciencia facendo cousas diferentes.

Mentres que no departamento de Física esperamos un martes de sol para probar o Gnomon e tomar medidas que nos permitan medir o radio da Terra, o departamento de Bioloxía e Xeoloxía adiantounos pola dereita e levou a cabo unha experiencia de extracción de pigmentos moi chula.

Un papel de filtro, un vaso de precipitados, un funil de vidrio, unha placa Petri, un morteiro de porcelana con maza, unhas follas verdes...non fixo falta nada máis. Bueno sí, as ganas e o interese de Efi, a profesora e de Micaela e Ray, os alumnos dispostos a cambiar unha horiña de tik tok por unha horiña de ciencia.


Como se de unha sesión de cociña se tratase, alá se puxeron a machacar as follas  de abeleira, loureiro..o que atoparon as nosas investigadoras arredor do IES. Empregando etanol, unha maza e un chisco de forza e constancia reduciron a mostra ao que vedes na imaxe




As células vexetais non tiveron outra que romper as súas membranas e deixar escapar algún dos pigmentos que lle dan esas cores tan características. Si, entre outros, ese verde que tanto botas de menos cando non estás pola Galaecia...

Seguinte paso: illar o líquido extractor (etanol por se o estabas pensando...) con todos eses pigmentos disoltos. Para iso, unha simple filtración con papel permitiunos lograr o obxectivo.





Buff aqui debe haber unha concentración de clorofila verde tremenda...enchemos a base dunha placa Petri con ese líquido...

E todo listo para a cromatografía en capa fina. Con colocar un papel de filtro dentro da placa, a capilaridade fará que a fase móvil ascenda polo papel levando con el todos ese pigmentos, moléculas de tamaño considerable que van a interaccionar de xeito diferente coa celulosa e demáis compostos químicos que forman o papel. As máis apetentes polo papel van subir máis lentamente. 
Neste caso son as clorofilas A e B, que tinxen de verde o papel. Sobre elas ascenden máis rápido as xantofilas que se aproximan máis ao amarelo e na parte superior, nada interesados en quedarse a facer vida social co papel, os carotenos que xa ofrecen tons máis alaranxados.
Foi un resultado visualmente espectacular


 Felicidades aos protagonistas deste capítulo piloto da serie que nos agarda para este 2025-26.



 

miércoles, 25 de junio de 2025

PUNTO...E SEGUIDO

Outro ano máis conseguimos poñerlle un broche de ouro a todo un curso dedicado altruistamente á ciencia. O luns 16 de xuño a rapazada que traballou no club de ciencias explicoulle ao resto o que estiveran facendo durante todo o ano. 

O grupo que se dedicou a analizar a calidade da auga explicou moi ben como determinar o osíxeno disolto que contén, a dureza que presenta ou os cloruros que hai nela.


Os das bombas de auga causaron furor entre a rapazada, tanto polo entusiasmo amosado na preparación


como polas explicacións...

Ou as probas de "relaxación" terapéutica que lle permitían ofrecer as burbullas desprendidas...


No taller de tecnoloxía puideron xogar ao quén e quén

e tamén practicar un pouco cos robots


A mesa de papiroflexia foi tamén moi demandada, ata o punto de que os grupos intentaban probar as diferentes figuras e colapsaban os tempos de exposición...




E por último, na aula de "música", o grupo de 3ºESO, xa todo un veterano nisto da investigación científica, xa que levan 3 anos gañando premios e mencións no concurso de SGAPEIO, presentounos as liñas xeráis do seu traballo arredor do efecto ZEIGARNIK.


A piques de baixar o pano desta "comedia realista" só nos queda agradecer a todos estes rapaces e rapazas que non poñen pegas para facer este tipo de cousas e teñen a habilidade de converter un rato de ciencia nun rato ameno, no que non só aprenden "cousiñas" doutro modo, senón que poñen as bases do xeito de explorar o mundo, aínda sen ser totalmente conscientes dilo.

Grazas de corazón e ata o curso que vén;-)













DIVERSIÓN PARA REMATAR

O curso remataba para todos e os de FP básica, comandados polo seu Profesor Pablo Gómez, decidiron xogar un pouco con ese poder máxico e agochado que teñen as substancias, que ademais se manifesta, ás veces, cando menos o esperas ao poñelas en contacto.

A verdade é que lles quedou un vídeo moi chulo que agora comparto con todos vós.


Grazas a todos por amosarnos que isto pode ser moi divertido.

martes, 20 de mayo de 2025

EVIDENCIAS DO APRENDIDO

Despois da sesión tan produtiva que tivemos con David Ballesteros apetecía levar algo do aprendido ás aulas. Seguro que á rapazada lle ía gustar.

Foi tal a cantidade de cousas que nos amosou que tampouco pretendemos implementalas todas neste curso...xa cadrará o momento máis axeitado en función do desenvolvemento curricular.

Pero un par de cousiñas si que nos apetecía probar.

A lupa electrónica era algo que conectado ao dispositivo axeitado nos podía axudar a ver o MUNDO DESDE OUTRO PUNTO DE VISTA.

¿Bonita bolsa de tela verdade?


Pero se nos aproximamos máis...mira ti como cambia a cousa:


E esa pantalla de móbil que sempre estás a mirar...


Pois non é tan suave e continua como ti crees...


¿Ves os pixels da pantalla LED?...curioso ¿verdade?

E eses cristais que tanto tempo che levou formar na práctica de cristalización na materia de Física e Química...pero non me digades que non valeu a pena ser tan paciente se acabou construíndose algo tan arquitectonicamente perfecto coma isto..


E todo grazas a este aparatiño tan simple e insignificante:


Un microscopio dixital que conectado ao mobil ou á pantalla do ordenador ofrécenos unha visión do mundo algo máis detallada...xa queda ao entender de cada un se aproximarse é bo para apreciar cada matiz...lembra que tamén se aprecian mellor os defectos ;-)

Tamén lle queremos dar as grazas á profesora Rita Fernández porque esta semana púxose mans á obra con alumnos de necesidades específicas de apoio educativo.

Pasárono moi ben fabricando bombas de baño. A lectura do guión no que aparecían os pasos a seguir xa foi un reto e puxo de manifesto o importante que é seguir os camiños da ciencia e non saírse deles en busca de aventura. Isto non está prohibido na ciencia; é máis, é recomendable facelo de vez en cando para explorar rutas máis emocionantes no mundo do saber, pero desde logo hai que saber cando facelo, e desde logo non é cando estás probando por primeira vez. Primeiro intenta reproducir un experimento da maneira máis sistemática e controlada que poidas para que saibas extraer mellor as conclusións...

A cousa parecía sinxela: tratábase de mestura un pouco de ácido cítrico por unha banda...e un pouco de bicarbonato sódico por outra...Para facer a experiencia do baño máis exótica e relaxante pois poderíamos engadir unha esencias...



Unha vez esmagados ben os compoñentes...pois a mesturar todo o conxunto...


Só quedaba encher os moldes para darlle ás nosas bombas a forma desexada, neste caso unhas preciosas esferas...Pois nada, a encher moldes.





A parte final simplemente sería quitar a mestura do molde coa forma desexada e á auga patos...






E a desfrutar co relaxante crepitar da bola ao entrar en contacto coa auga e iniciar a reacción simple entre o ácido e o bicarbonato para desprender incontables burbullas de dióxido de carbono que tratan desesperadas de escapar dese opresivo medio líquido cara mundos máis libres como o gasoso que nos rodea. Ao abrirse camiño entre as moléculas de auga para escapar provocan ese ruidiño tan ASMR que nos transporta a mundos máis tranquilos que este...
A cousa parece un conto ou unha serie de Disney...por iso seguro que o grupo de Rita decidiu darlle emoción ao asunto e meteu uns pétalos de flores como aditivo na mestura e de paso (e sen querelo...) un  pouquiño de humidade...co cal a reacción iniciouse xa nos molde e acabaron uns rebentando, outros resistíndose a ser abertos...digamos que o fin de semana de spa e relax tornou nun fin de semana algo máis estresante.
O balance final foi positivo porque aprenderon que en ciencia a reproducibilidade e o control de variables é esencial para acadar o éxito experimental e sobre todo as risas...o inesperado sorprende e pode converter un momento aburrido noutro moi divertido. 
Ao final trátase de pasalo ben ¿non?
O dito, grazas a todos pola participación desinteresada nesta traxicomedia que é a ciencia por e para adolescentes;-)