lunes, 4 de noviembre de 2024

¿Ves o punto de vista científico nisto?

A profesora Marta González está a traballar co alumnado de FP básica, no módulo de Prevención de Riscos Laborais, a materia de Itinerario Persoal para a Empregabilidade. 

A versatilidade da mesma permite facer fincapé en aspectos relacionados coa saúde, coa actuación en casos de de emerxencia...

¿Lexislación ou sentidiño común? ¿Papeleo ou control de variables e toma de decisións? ¿Un café cun avogado ou cun científico?...

Esa teima de compartimentar e estruturar o saber lévanos a perder perspectiva global. Hai cousas que precisan traballar aspectos desde diferentes puntos de vista. De aí que a ciencia sempre é un valor seguro ao que acudir se estamos a falar de inxesta de alcohol,  minimizar riscos, prestar auxilio en caso de emerxencia...

A idea era partir de cero e explorar primeiro ese concepto aparentemente tan sinxelo que denominamos SAÚDE. 

¿Porqué non saír á rúa e facer unha simple entrevista? Ao mellor, aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid aprendemos a preguntar as cousas con  respecto e educación...

Para complementar o tema botouse man dunha serie de vídeos curtos sobre un caso de inxesta de alcohol por parte dunha rapaza ao que seus pais lle deron permiso para beber...pero que a cousa se lle foi das mans...

Non hai nada como picar un pouco onde escoce para provocar a reacción do público...e claro...empezaron a saír a flote cousiñas...

Para Marta isto precisaba de afondamento máis intenso porque había que esnaquizar falsos mitos que podían levar a tomar decisións erróneas nisto de beber alcohol...

Botou man dunha técnica de traballo que permite a intervención de todos en pequenos grupos e períodos de tempo pequenos para permitir falar todos e escoitar todos...soemos chamarlle a isto técnica MICROLAB.

¿Sabedes que cousas teñen moitos adolescentes asumido nas súas cabezas como verdade? Aí vai un exemplo...



O mellor de detectar este tipo de situacións é que nos vale para loitar contra OS FALSOS MITOS...unha especie de cancro que moitas veces sufrimos en ciencia e que consume moito do noso esforzo por facer chegar a verdade obxectiva e demostrable á xente.

Para que quedaran claras esas verdades Marta apoiouse en recursos visuais, que sempre fan que todo quede máis asentado no noso cerebro, para construír unhas metáforas (bueno, metáforas, metáforas...son imaxes absolutamente explícitas que transmiten rapidamente a mensaxe que agochan)











Superado o MOMENTO PSEUDOCIENCIA pasaron a algo máis práctico e que sempre andamos descoidando pero que nun determinado momento pode salvar as nosas vidas ou a dos demais.
Os primeiros auxilios é un saber que debería formar parte do currículo de tódalas materias aínda que fose de xeito transversal.
Coa axuda de Bea, a nosa coidadora do centro e dos bonecos e voluntarios pertinentes, aprenderon técnicas de reanimación cardio pulmonar, de obstrución da vía aérea, o protocolo PAS (Protexe, Avisa, Socorre), como actuar perante a picadura dunha serpe ou algo moi básico que non facemos moi ben, nin nas nosas casas: como ter unha botica de primeiros auxilios ben equipada .




Ciencia rápida para solucións rápidas...non todo van ser divagacións mentais sobre problemas complexos. A compoñente práctica da ciencia sempre debe ser un dos camiños que poder tomar nesta andaina que nos leva a poder comprender mellor todo o que nos rodea.
Grazas Marta por lembrarllo a esta rapazada de FP básica e poñer un grao máis de area nesta labor. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario