Supoño que sería culpa do tren de borrascas que estes días nos acosan. Cicloxénese por aquí, cicloxénese por alá, que si sae Éowyn, que se entra Herminia...o caso é que as subidas e baixadas de presión cando estamos traballando con gases pode ter consecuencias importantes. E foi entón cando entre tanto bombardeo meteorolóxico me lembrei que lle debíamos unha entrada no blog a Laura de Uña e ao seu avezado alumnado que tiña moito que ver con isto da presión.
Xa antes de Nadal tocaba entender como se produce ese proceso tan aparentemente simple como é a respiración humana.
Opción Nº1: sacamos o libro de texto ou unhas fotocopias, lemos o texto, mandámolo estudar e ao cabo de 2 semanas (cando xa estea esquecido) facemos unha proba escrita para ver que é o que lembran, digo entenden, digo acertan...
Opción Nº2: construímos un modelo pulmonar caseiro que nos axude a VISUALIZAR o proceso e malo será que véndoo, tocándoo e interaccionando con el, non sexan capaz de explicar perfectamente iso que nos mantén vivos nesta bola enorme de gases aferrados á Terra.
Parece que Laura optou pola opción 2; a opción 1 soémola deixar para o 90% restante do temario ;-)
Pois nada, a traballar.
Unha botella de plástico, unhas palliñas desas de sorber, globos, unhas luvas de látex, tesoiras, plastilina, gomas elásticas e cinta adhesiva.
A idea e simple: facer un burato no tapón dunha botella de plástico e meter por el unha palliña conectada a un globo (ou dous se queremos simular os dous pulmóns). A base da botella recórtase y desbótase poñendo no seu lugar unhas luvas de latex. Mellor unha foto porque ao mellor xa estás perdido...
Xa vedes que construíron modelos para o campión do mundo de apnea, para Manolo o carpinteiro que acende un pitillo con outro todo o día, para Maribel a nena 10 que lidera os movementos anti-TODO (anti tabaco e anti polución entre eles) e para David, o neno enfermizo e asmático que se senta na última fila pegado á parede....vamos que na variedade está o gusto.
Despois tocaba probar o asunto a ver como ía...
Moi ben, toma aire logo (INSPIRA)...quero dicir "...tira da luva cara abaixo"
¿Notas como inflan os globos de dentro da botella? se a resposta é si, vas ben. Estalle pasando o mesmo que aos teus pulmóns cando inspiras: énchense de aire porque ao aumentar o volume arredor dos globos (pulmóns) a presión diminúe. Como todo nesta vida tende ao equilibrio, o aire de fóra entra pola palliña (traquea) e compensa esa diminución cun aumento de presión ata que ambas presións se igualan e daquela xa nos podes coller máis aire.
Como esta situación é complicada de manter un anaco largo toca levar a cabo o paso 2 que consiste en soltar o aire inspirado e botalo fora (EXPIRAR). Se o queres ver no modelo pois preme as luvas cara arriba para que se reduza o volume e provoque un aumento de presión (xa sabes que presión e volume lévanse moi mal e cando unha aumenta a outra diminúe só para amolar). A consecuencia neste caso nesa permanente busca do equilibrio é que toca expulsar o aire dos pulmóns (globos) e provocar así unha redución da presión.
Afortunadamente non temos que lembrar nada para levalo a cabo no noso corpo. É un movemento involuntario controlado polo centro respiratorio na base do cerebro, un director de orquestra estupendo que mobiliza diafragma, músculos intercostais, do pescozo e abdominais e executa unha secuencia combinada de inspiracións-expiracións unhas 170 millóns de veces ao longo da nosa vida (se todo vai ben claro...).
De todos os xeitos o máis importante non é só coller aire e expulsar aire. O noso corpo é unha máquina tan asombrosa que está preparada para aproveitar cada unha desas viaxes en función dos pasaxeiros que leve. A viaxe de ida (inspiración) leva un moi especial: o osíxeno, que nada máis entrar nos pulmóns báixase axiña para cambiar de medio de transporte e emprender unha aloucada viaxe polos rápidos do torrente sanguíneo cara as células. O sitio de deixa o osíxeno aprovéitao na viaxe de volta (expiración) o dióxido de carbono para saír do corpo (é un pouco claustrofóbico e encántalle saír ao exterior en canto pode).
Pero desta volta non se trataba de entender a bioquímica da respiración senón a parte física: inspirar e expirar, inflar e desinflar, diminuír e aumentar a presión arredor dos pulmóns.
E creo que o obxectivo acadouse.
De paso acadouse outro non menos importante. O avance da ciencia sempre ten unha compoñente práctica da man da experimentación no método científico, pero non hai que esquecer a parte teórica na que se deben sustentar as explicacións. E para comprender ese marco teórico o desenvolvemento de modelos sempre tivo unha importancia crucial. Ás veces son tan bos que podemos caer na tentación de pensar que a realidade é a que nos presenta o modelo, mais non é así. A realidade é seguramente máis complexa pero ás veces é mellor unha simplificación que siga sendo fiel a esa realidade pero que nos permita comprendela mellor.
Seguramente o alumnado de Laura de Uña, coa axuda dunha botelliña, globos e palliñas...xa entendeu mellor os movementos que teñen que ver coa respiración pulmonar.
Parabéns se iso é certo ;-)