Xa pensabades que dimitíramos ¿non?.
O caso é que custou un pouco dar o pistoletazo de saída pero esperamos que a partires de agora os diferentes proxectos vaian asentándose e unha vez máis poidamos vivir un ano cheo de ciencia facendo cousas diferentes.
Mentres que no departamento de Física esperamos un martes de sol para probar o Gnomon e tomar medidas que nos permitan medir o radio da Terra, o departamento de Bioloxía e Xeoloxía adiantounos pola dereita e levou a cabo unha experiencia de extracción de pigmentos moi chula.
Un papel de filtro, un vaso de precipitados, un funil de vidrio, unha placa Petri, un morteiro de porcelana con maza, unhas follas verdes...non fixo falta nada máis. Bueno sí, as ganas e o interese de Efi, a profesora e de Micaela e Ray, os alumnos dispostos a cambiar unha horiña de tik tok por unha horiña de ciencia.
Como se de unha sesión de cociña se tratase, alá se puxeron a machacar as follas de abeleira, loureiro..o que atoparon as nosas investigadoras arredor do IES. Empregando etanol, unha maza e un chisco de forza e constancia reduciron a mostra ao que vedes na imaxe
As células vexetais non tiveron outra que romper as súas membranas e deixar escapar algún dos pigmentos que lle dan esas cores tan características. Si, entre outros, ese verde que tanto botas de menos cando non estás pola Galaecia...
Seguinte paso: illar o líquido extractor (etanol por se o estabas pensando...) con todos eses pigmentos disoltos. Para iso, unha simple filtración con papel permitiunos lograr o obxectivo.
Buff aqui debe haber unha concentración de clorofila verde tremenda...enchemos a base dunha placa Petri con ese líquido...
E todo listo para a cromatografía en capa fina. Con colocar un papel de filtro dentro da placa, a capilaridade fará que a fase móvil ascenda polo papel levando con el todos ese pigmentos, moléculas de tamaño considerable que van a interaccionar de xeito diferente coa celulosa e demáis compostos químicos que forman o papel. As máis apetentes polo papel van subir máis lentamente.
Neste caso son as clorofilas A e B, que tinxen de verde o papel. Sobre elas ascenden máis rápido as xantofilas que se aproximan máis ao amarelo e na parte superior, nada interesados en quedarse a facer vida social co papel, os carotenos que xa ofrecen tons máis alaranxados.
Foi un resultado visualmente espectacular
Felicidades aos protagonistas deste capítulo piloto da serie que nos agarda para este 2025-26.
No hay comentarios:
Publicar un comentario