Despois dunha semana de repouso das 6 mostras de aceite filtrado e lavado, seguimos avanzando neste longo camiño que espero que nos conduza ao biodiesel final.
O mércores 15 de marzo aproveitamos unha horiña algo morta neste remate da segunda avaliación para levar a cabo a fase de illamento do aceite e secado do mesmo.
Unha das cousas máis importantes a controlar neste proceso é dispor dun aceite de partida coa menos cantidade de auga posible porque senón correremos o risco de sufrir reaccións colaterais que conduzan á formación de xabóns (saponificación do aceite...algo do que as nosas avoas saben máis ca nos...), qué é o peor que nos pode pasar porque convertirán o noso marabilloso limpo e cristalino medio de reacción nun lugar turbio e caótico que só nos servirá para provocar unha boa dor de cabeza (e non, isto non é unha metáfora da situación actual do planeta...).
Polo tanto seguimos apelando á paciencia dos nosos 6 valientes sufridores. É mellor ir pouco a pouco para intentar conseguir un bo produto de partida que nos asegure unha boa reacción de transesterificación.
Chegamos ao laboratorio e claro...alí estaba a nosa botella de aceite facendo de fase orgánica e a nosa auga facendo de fase acuosa. Non lles sorprendeu que esta estivera debaixo de aquela...porque xa sabían que aceite e auga eran inmiscibles (que non se mesturan vamos) e que a densidade do aceite é menor, co cal sitúase por riba da auga. Non obstante xa salientamos na entrada anterior que en 2 das probas non se podía apreciar de forma nítida a separación de fases.
Tocaba pensar un pouco: ¿Como imos quitar de aí dentro o aceite sen axitar nen mover a botella para non tirar por terra o traballo que fixo a gravidade pacientemente durante 7 días?
A solución: a pipetazos. Cunha pipeta Pasteur de 3 mL catro dos alumnos foron succionando o aceite pola parte superior da botella. Os outros dous empregaron pipetas de 15 mL succionando cun aspirador automático para rematar antes.
Tamén lle deron ao "coco" ideando métodos no caso de ter un recipiente con aceite moito máis grande...que se unha goma para sacar aceite por riba succionado e colocándoa máis baixa que a botella (como se algún deles xa tivese experiencia en "mangar" gasolina dalgún depósito de coche...ja ja...é broma pero si, foi algo que suxeriron inmediatamente), que se abrir un burato a unha altura axeitada na botella e sacar por el o aceite...a verdade é que no caso de dar o salto á macroescala xa temos ideas...
No noso caso ao cabo duns 15 minutos rematamos o proceso (non nos arriscamos a aproximarnos demasiado á interfase non fora a ser que metéramos de máis a pipeta e nos levásemos algo de auga na mesma, o cal non queríamos).
Aquí vemos a Cloe mans á obra
E aquí as burbulliñas que o microondas nos deixaba no vaso ao pouco tempo de empezar a quentar (sinal de que a posible auga que contiña estaba a escapar)
O microondas gañaba ao fornelo en rapidez por goleada
Porén, tampouco se trataba que quentar sen cabeza porque non só nos podíamos pasar de freada e meternos nun lío, porque nos podía ferver o aceite ou acadar o seu "flash point", ou sexa a temperatura á cal os vapores desprendidos se inflaman...non o quero nin pensar...pero tranquilos para que iso suceda habería que sobrepasar de longo os 200ºC (depende do tipo de aceite pero entre 200 e 300ºC andaría a cousa)
En definitiva, mellor controlar a temperatura...¿Cómo? pois sorpresa...no laboratorio temos una consola VTT de hai moitos anos pero que funciona perfectamente e que, entre outros, ten un sensor de temperatura que actúa como termopar, é dicir un termómetro co cal podemos medir temperaturas de centos de graos...señores e señoras...con vostedes a consola VTT en acción:
Como se pode comprobar en pantalla sobrepasamos os 100ºC con holgura asegurando a eliminación da maior parte da auga
Ao cabo de 15 minutos xa demos por rematada a sesión.
Foi curioso como quedou cada medio ao acabar...moi cristalinos todos (incluso os dous que tiveron unha extracción algo turbulenta)..fixádevos:
Pero pasado o tempo...a cousa, en frío, rematou así:
¿Notades algunha diferenza? pois mira tí, o medio máis cristalino de partida, o de Cloe, resulta que despois de illar e secar, ofrece unha turbidez salientable...umhhh xa temos para darlle á cabeciña toda a semana antes de pasar a caracterizar ben o noso aceite.
Iso será o seguinte capítulo e serviranos para aprender a avaliar a densidade dun medio mediante unha representación gráfica e a medirlle a súa acidez...sí acidez, seguramente se lle preguntas a túa nai ou pai, saberache dicir se compra aceite de 0,4 ou 1 grao de acidez...
xa veremos de qué vai isto...ata a semana que vén;-)
No hay comentarios:
Publicar un comentario