Me imaxino que xa pensariades que abandonaramos o proxecto...hai case 2 meses que o deixamos aparcado por diferentes compromisos da rapazada pero agora retomámolo para intentar sintetizar ese tan desexado biodiesel.
Antes de levar a cabo
a reacción clave deste proceso lembrámosvos que precisamos saber a acidez do
noso aceite para así axustar a cantidade a empregar de hidróxido sódico.
Pois diso se trataba
hoxe.
O proceso é un
clásico entre os químicos: trátase da famosa VALORACIÓN ÁCIDO-BASE.
Desta volta o papel
de ácido correspóndelle aos ácidos libres que poida conter o noso aceite usado.
O da base, outro clásico: unha disolución de hidróxido sódico.
Unha busca na
literatura científica danos as mellores condicións para facelo.
Parece ser que
tomando 1 mL de aceite e disolvéndoo en 10mL de alcohol isopropílico e
valorándoo cunha disolución de sosa (NaOH) do 0,1% o resultado é supercurioso:
o número de mL gastados de valorante coincide co número de gramos de sosa que
lle hai que engadir DE MÁIS a 1L do noso aceite para levar a cabo a reacción
(lembramos que para esta reacción recoméndase engadir 3,5 gramos de sosa por
cada litro de aceite, polo tanto se na valoración gastamos 2 mL teríamos que
acabar engadindo a ese aceite 3,5+2 = 5,5 gramos de sosa).
A explicación deste
gasto EXTRA de sosa é ben fácil de entender. Se o noso aceite ten moito ácido
graxo libre a sosa engadida empregarase primeiro en neutralizalos, porque isto
é máis rápido que a reacción que desexamos (a transesterificación); polo tanto
haberá que compensar este aumento de acidez con máis sosa do normal.
Puxémonos mans á obra despois de comer e fumos un por un poñendo en marcha o protocolo típico dunha valoración.
O primeiro: tomar 1 mL o máis exacto posible, e para iso empregamos unha pipeta graduada acoplada a un aspirador automático.
Despois de disolvelo nun vaso de precipitados con 10mL de alcohol isopropílico medidos en probeta pasamos a engadirlle 3 gotas de diolución alcohólica de fenolftaleína, que é unha sustancia clave neste tipo de procesos: chamásmoslle indicador porque ten a marabillosa cualidade de cambiar de cor (dise que vira de cor...) ao pasar o medio dun determinado pH a otro. Neste caso, a fenolftaleína, é incolora en medio ácido pero adquire unha fermosa cor rosada en medio básico. Polo tanto a idea é fácil de entender: ir engadindo sosa desde un tubo de vidro graduado moi preciso que ten unha chave de paso, ao que chamamos BURETA, ata que vexamos que o contido do vaso de precipitados se poña dun rosa permanente. E isto soe ocorrer de forma moi drástica, Unha gota basta para cambialo todo polo que hai que ser moi precisos na adición se queremos obter resultados o máis aproximados posible á realidade.
Así que, aló imos, engadimos unhas pingas de indicador e puxemos en marcha o axitador magnético que sempre lle da un toque orixinal revolvendo por nós o medio de reacción grazas a unha variña imantada que xira e xira sen parar mesturando ben cada composto que forme parte da reacción química que ten lugar.
E mans á obra: a engadir sosa desde a bureta, pouco a pouco.
Estes foron os resultados:
Os aceites de Pedro e Oscar está claro que son os que máis sosa precisan para levar a cabo a reacción.
Xa estamos más preto do noso obxectivo. O seguinte paso será o máis importante: a reacción química que nos producirá (iso esperemos) o ansiado biodiesel. Pero iso será outra historia que contaremos proximamente...
No hay comentarios:
Publicar un comentario