domingo, 26 de enero de 2025

SEGUIMOS ANALIZANDO AUGAS: CLORO LIBRE E CONDUTIVIDADE

Esta semana tocou quedarse de novo a tarde do martes para seguir caracterizando esa auga de Mugardos que chega ata as nosas billas co obxectivo de poder dicir ao final algo fundamentado sobre a súa calidade.

Desta volta estreamos kit de medición dun parámetro que pode resultar interesante nas augas xa que o CLORO emprégase moito moi axente desinfectante, porque inhibe o crecemento de moitos microorganismos. Por iso se clora a auga das piscinas, que está a máis temperatura, e na cal poderían proliferar eses bichiños e provocar cousas nada desexables.

O kit HI701 da casa Hanna é moi práctico e rápido de usar.



Esencialmente está fabricado para que introduzas 10mL dunha mostra de auga nun vial e o metas dentro cando acendas o aparello. O dispositivo tomará este valor como "branco" ou cero de medida.

Nun paso seguinte quítase o vial do dispositivo e engádeselle o reactivo clave, que neste caso é a N,N-dietilparafenilendiamina (DPD) que reacciona co cloro libre (normalmente en forma de ións hiploclorito ou ´ácido hipocloroso) para xerar un produto coloreado. O kit fai unha análise colorimétrica deste composto e está calibrado de tal xeito que cada intensidade de cor está relacionado coa presenza no medio dunha determinada cantidade de cloro. E así podemos obter valores concretos de concentración de cloro en auga en mg/L, unidade que tamén se pode poñer como parte por millón (ppm).


Despois de engadir o DPD, axitar e esperar 1 minuto, se houbese cloro aparecería un medio rosado.

Na noso primeiro ensaio non vimos tal cor e a medición foi 0.0

Como tiñamos dúbidas repetimos a medida pero engadindo unha gota de lixivia (que contén hipocloritos) e efectivamente vimos esa cor rosada e obtivemos unha medida de 2.5 ppm é dicir, o máximo da escala (ou sexa seguramente a concentración sería maior)

A próxima vez repetiremos a experiencia non co DPD sólido senón coas disolución A e B do kit a ver se temos diferencias.

Finalizamos a sobremesa medindo outro parámetro interesante na análise de augas: a condutividade

Para iso precisaríamos un condutivímetro, o cal non temos, pero si que temos unha sonda que consegue o mesmo efecto e que podemos conectar a unha consola de toma de datos chamada VTT, da casa Jeulin.

Un condutivímetro esencialmente proporciónanos unha medida da capacidade que ten ese auga para conducir a corrente eléctrica. Como isto depende da cantidade de sales que contén, saber a condutividade é saber o salgada que está unha auga.

Fixemos unha medición coa auga da billa e obtivemos 0.2 mS (desafortunada forma de amosar o resutlado porque realmente SON microsiemens/cm). 


Para todos os membros do grupo era a primeira vez que vían esta unidade escrita. Pois xa lles quedou traballo pendente para a próxima cita: ¿Que é un siemens? ¿A que equivale?...

Para ver o que cambiaba a cousa se hai moitas sales engadimos unha espátula de cloruro de sodio a un vaso con auga e procedemos a medir.

O cambio foi espectacular


100 veces máis...está claro que a conductividade depende da concentración de ións disoltos na auga.

A sesión de hoxe foi eminentemente práctica e polo menos aprendemos a medir cos estes aparellos e dispositivos tan raros.

Queda pendente agora descubrir cales son los valores normais de cloro na auga potable e tamén a conductividade típica e volver a medir de novo para que non se nos esqueza como usar os aparellos.

Pero iso será a seguinte etapa. Xa vedes que polo de agora estamos cubrindo etapas. Xa chegará o momento en que poremos todo o aprendido en práctica e fagamos medidas de campo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario