martes, 21 de enero de 2025

HOXE VESTÍMONOS DE GALA

Dentro da variedade de cousas que nos reporta este ir e vir da man da ciencia ao longo do curso, a verdade é que hoxe tocaba poñerse guapos e abrir ben os oídos porque tivemos o privilexio de recibir no centro a Socorro Castro García, profesora titular de Química Inorgánica na Universidade da Coruña (UDC).

Aproveitando que pronto celebraremos o día da nena e a muller na ciencia conseguimos que Socorro, unha muller cunha dilatada traxectoria no mundo de ciencia (más de 30 anos xa nisto de buscar a resposta aos porqués nos sitios máis recónditos, máis de 100 publicacións, unha presa de teses doutorais dirixidas...) nos viñese a falar de...enerxía.


Despois de facer un repaso cronolóxico neste percorrido polas diferentes fontes de enerxía empregadas pola humanidade salientando os pros e as contras de cada unha (o cal lle veu moi ben á audiencia porque: feito nº1-"non me lembro de nada", feito Nº2: confundo moitas cousas das que sei, feito nº3-"non eran certas algunhas cousas que pensaba...), meteuse de cheo en fariña.

A fariña neste caso era iso dos coches de hidróxeno. Si, moi ben, sei o que é un coche, e tamén sei o que é o hidróxeno...pois daquela un coche de hidróxeno debe ser...un coche movido por hidróxeno...¡¡¡ole!!! impresionante dedución.

Ao mellor dache a risa pero se rascamos un pouco ao mellor a cousa non é tan simple. E abofé de Socorro (Suki, cando a cousa cobra máis confianza, e a estas alturas, xa tiña gañada á audiencia así que veña, Suki) rascou un pouco e amousounos o asunto máis polo miúdo.

Aquí a temos poñendo a punto a 1ª maqueta que trouxo


Auga-hidróxeno-auga...unha combinación cíclica que nos permitirá, coa configuración e tecnoloxía axeitada, obter a materia prima desexada e nela separar ese aburrido electrón que non para de orbitar arredor doutro aburrido protón per secula seculorum, dándolle a oportunidade de probar outras experiencias, como emprender unha fuxida controlada cara un circuíto eléctrico para entón si, conformar esa enerxía eléctrica que precisaremos para mover o coche. Ou sexa que ao final ¿temos un coche eléctrico? Bueno pois se o queres ver así...pois si. 
Pero Suki fíxonos comprender que a clave está en usar hidróxeno para obter eses electróns que nos aportarán a corrente que precisamos para facer andar o coche, pero non calquera tipo de hidróxeno. Queremos HIDRÓXENO VERDE, é dicir, que se poida obter da maneira máis ecoloxicamente sostible. Cando consigamos isto...posiblemente multiplicarase exponencialmente o uso. Mentres tanto...digamos que isto está en fase de EXPECTATIVA (por dicilo suavemente para non ferir sensibilidades...). ¿Por iso a cara de incredulidade de algún/algunha? ;-)





Bueno, pois crucemos os dedos para que cousas tan pequenas como esta:



Ou esta (algo máis chula desde logo...nótase que este deseñouno Pininfarina):



Se convertan noutras a tamaño real e que nos axuden a ir de acá para acolá sen comprometer o futuro do planeta. ¿Gústache este? É o Toyota Mirai...e se queres xa o podes mercar.


Bueno esquecíame de darche un dato...tes que soltar 81200 euros para telo...




Si, esa foi a cara que tamén se me quedou a min...en fin. Haberá que esperar ata que sexa posible implementar a infraestrutura necesaria para transportar con facilidade o hidróxeno dun sitio a outro do planeta, a construír "hidroxeneiras" seguras, a alixeirar o peso dos coches, a perder o medo en caso de posibles accidentes (se non me mata o choque ¿matarame unha explosión que devolva ao noso protagonista a converterse en auga?), a fabricar coches que non precisen repostar antes de chegar a Madrid...¿moito esperar non? O tempo dirá...

O que desde logo dixo o tempo esta mañá é que a charla pasou moi rápido, ao mellor demasiado, e cando nos decatamos xa chegamos ao final.
Da enerxía sempre nos din que non se crea nin se destrúe. Quero pensar que a que consumiu hoxe Suki coas súas explicacións se transformou en algo bo dentro das cabezas dos que asistimos á charla. Máis que nada por non violar ese inquebrantable principio ;-)


No hay comentarios:

Publicar un comentario