sábado, 15 de marzo de 2025

A CAN DE MOR...

Imos a permitirnos esta licencia para honrar ao inefable Chiquito de la Calzada...

Resulta que o martes pasado pechamos a serie de análises de parámetros característicos da auga coa determinación de cloruros mediante o método de Mor...quero dicir MÖHR ;-)

Saber a cantidade de cloruros que contén unha auga pode que non sexa o máis crucial para coñecer a súa calidade...pero axuda.

A verdadeira razón para levalo a cabo coa rapazada é porque o método de Möhr é unha excelente oportunidade para practicar varias actuacións procedimentais químicas que contribúen en bo grao á súa formación científica.

De primeiras teñen que preparar disolucións. Concretamente 10 mL dunha de cromato de potasio (K2CrO4) ao 5% e 100mL dunha de nitrato de prata 0,01M.

O obxectivo é tratar a auga da nosa mostra con nitrato de prata porque se contén cloruros, estes van reaccionar inmediatamente coa prata para formar unha sal branquecina e insoluble chamada cloruro de prata que caerá ao fondo precipitada.

O bonito deste proceso é que se o acompañamos dunhas gotiñas de disolución  de cromato de potasio vai ter lugar un efecto moi chulo e significativo: cando xa non quede na disolución máis cloruro de precipitar, os ións prata elixirán a outro actor secundario para reaccionar: o cromato, que rapidamente formará cromato de prata, que ao ser rosáceo-vermello amosaramos moi claramente este punto. E isto é importante porque este punto marcará o final da reacción que nos interesa e mediante uns sinxelos cálculos químicos permitiranos determinar a cantidade de cloruros que había na nosa mostra de auga.

Fíxate tí se será curioso, bonito e importante este procedemento que vos acabo de contar que en  química ten nome propio: valoración complexométrica.

Para levala a cabo tense que poñer en marcha un mecanismo experimental moi concreto que implica o uso dunha bureta e un Erlenmeyer...os químicos saben do que falo porque é un dos procedementos  analíticos máis familiares dentro da profesión. Nel, como pasa moitas veces  en moitos ámbitos, o tipo máis importante é o máis insignificante...aquí unhas gotiñas do indicador daranos toda a información  que precisamos. Tinxirán o medio de reacción de amarelo...pero o seu dramático cambio a vermello porá fin ao proceso.


Pero por se fora pouco o que implicaba o proceso, había outro parámetro que agochado desde a sombra podía mandar todo á porra senón o controlábamos: o pH.

Resulta que esta reacción que vos acabo de contar entre os cloruros e a prata non se leva a cabo como queremos se o pH está por debaixo de 7 ou por riba de 10. Nesas zonas entran en xogo outras especies químicas que arruínan o noso proceso.

Por iso sacamos do armario a nosa consola VTT coa súa sonda de pH e, despois de comprobar cun tampón de pH 4 que medía ben, procedemos a medir o pH da nosa auga 


Non o esperábamos pero resulta que nos deu algo ácido (sobre 4...) polo que había que subilo.

Menos mal que temos unha solución: engadir bicarbonato de sodio sube o pH e non prexudica o proceso, así que alá fomos...


Un pouquiño nunha espátula foi suficiente para situar o valor de pH no rango desexado.

So quedaba poñerse mans á obra, suxeitar a bureta co nitrato de prata cunha man e abrir a chave para empezar a reacción. Decidimos non axitar a man e así usábamos o axitador magnético que resulta moi cómodo e eficaz. 

O resultado: para unha mostra de 10 mL de auga gastamos uns 28 mL de nitrato de prata 0,01M o cal nos di que a nosa auga contiña uns 1000mg/L, cantidade moi elevada para unha auga natural...MENOS MAL QUE NON ERA NATURAL senón unha disolución  feita adrede no laboratorio para practicar os pasos do método de Möhr...a próxima vez, co procedemento aprendido tocará facer unha medición real.




No hay comentarios:

Publicar un comentario