O luns 17 de marzo pola tarde tivemos o pracer de recibir no centro a David Ballesteros, un crack nisto da divulgación científica.
Durante máis de 3 horas fíxonos un percorrido pola química, pola bioloxía, pola tecnoloxía..pola ciencia en xeral, a través dunha serie de experimentos curiosos e sinxelos.
Empezamos cun reto que consistía en formar a estrutura máis alta posible cuns materiais moi rudimentarios.
Despois tomounos algo o pelo co peixiño este sabio que sabía se estabamos a mentir ou non ;-)
Ambientamos despois a aula metendo unhas luces ultravioleta que nos pode dar moito xogo coa rapazada, e unha cámara que nos amplía a realidade moitas veces e nola presenta dun xeito algo distinto a como nola presentan os nosos ollos, magnífico punto de partida para un debate físico-filosófico sobre a nosa percepción de todo o que nos rodea.
Tamén nos ensinou que non todas as plastilinas conducen a electricidade...ou que se pode fabricar rápidamente un imán caseiro.
Para rematar arroxou un pouco máis de luz (ultravioleta neste caso) sobre unhas gominolas de osiños moi coñecidas para liarnos un pouco coa nosa percepción das cores.
A tarde pasou rapidiña entre experimento e experimento e acabamos fabricando bombas de baño con ácido cítrico e xoias moi chulas con resina epoxi.
A verdade é que foi un pracer e un privilexio contar con David para pasar unha tarde entre ciencia na que aprendemos unhas cuantas cousas que de seguro que podemos insertar na aula coa rapazada.






No hay comentarios:
Publicar un comentario