Palabras, palabras, palabras...as palabras están moi ben sempre que entre o que fala e o que escoita se estableza a conexión axeitada...o cal por desgraza pasa 2 de cada 5 veces nesta senda educativa que estamos a percorrer (é un xeito de falar, non teño bibliografía ao respecto...)
O mesmo debía pensar Laura de Uña, a profesora de FeQ de 2ºESO, cando estaba explicando as disolucións.
A culpa foi dela desde logo ;-)
Veuse arriba e meteuse en camisas de once varas...¿Onde credes que se vai fundir antes un cubo de xeo? ¿En auga doce ou en auga salgada?
Como experimento socio-cultural foi interesante porque polo menos fomentou a opinión.
Como bautismo de iniciación á actividade científica...moi positivo, porque lanzaron hipóteses e planificaron posibles maneiras de comprobalo...método científico en estado puro.
Non lle quedou máis remedio á pobre Laura que pedir cita no habitualmente abarrotado laboratorio de Física e Química e poñerse mans á obra.
Un par de vasos de precipitados, un vidro de reloxo, auga de billa, un par de cubos de xeo e sal de cociña. Para medir a temperatura dun xeito máis inmediato botou man dunha sonda termométrica conectado a unha consola VTT e dixitalmente lle ía indicando a temperatura da cada vaso.
Feita a montaxe e comprobada a temperatura inicial dos dous vasos
Era o momento de engadir sal a un dos vasos e esperar...
Como pasa moitas veces en ciencia, as circunstancias de cada experiencia moldean o deseño da seguinte. Desta volta aprenderon que mellor dispoñer de máis sal e botar menos auga no vaso para visualizar o proceso máis rápido, xa que así aumentariamos a concentración salina da disolución.
De todos os xeitos si que se puido comprobar que a temperatura baixaba un par de graos máis na disolución que tiña sal.
Evidentemente a parte teórica que nos arroupa sempre aos científicos nas nosas tolemias experimentais neste caso debían de quedar a un lado.
2ºESO non é un curso onde sexa conveniente meterse en moitos detalles porque aínda non armamos esas cabezas cos vimbios axeitados que vemos en 3º e 4ºESO.
Este grupo podiámolo pillar de novo en 1ºBAC e explicarlles que cando temos 2 fases en contacto (como o noso xeo e a auga que o rodea) establécese un equilibro térmico que leva a un pouco de xeo subir a súa temperatura fundíndose e a un pouco de auga baixar a súa temperatura para compensar ese vaiven de enerxía que ten lugar.
Pero cando introducimos unha sustancia na auga facendo unha disolución resulta que baixamos a súa temperatura de conxelación (descenso crioscópico); é máis, resulta que este efecto é máis pronunciado cantas máis partículas disolvamos...e lembro que as sales dan moitas partículas ao disolverse porque se desmorona o cristal que formaban. Conclusión: a auga xa non conxela a 0ºC senón a -5ºC. -10ºC...ou incluso menos dependendo da cantidade de sal que botes nela.
Seguro que todos saben que no inverno soe botárselle sal ás estradas para que non se forme xeo o para fundilo se xa está formado. A explicación reside nese descendo crioscópico rexistrado na auga. Se hai que facer máis xeo...pois non poderemos a non ser que a temperatura baixe moito máis que 0ºC...e se xa está formado, a capa de auga superficial do xeo vai disolver as partículas de sal. Como se formará unha capa moi saturada e todo nesta vida tende ao equilibrio o xeo pasaralle cada vez máis auga á disolución para diluíla, e claro...morrerá no intento porque de onde vai sacar auga o xeo se non é da súa propia fusión....mira ti, ata se ve pode ver o sentido poético a todo isto, para que logo digan que os científicos son uns insensibles anota-datos.
Pero volvendo á realidade de 2ºESO...a experiencia serviu para comprobar que o que algúns alumnos predicían que ía ocorrer, pois non ocorría tal, que cando en ciencia temos dúbidas do que pode pasar temos a posibilidade de experimentar para poder estar máis seguros á hora de opinar, e tamén serviu para os que van facer un FP de restauración e acabar sendo un barman, porque á hora de preparar un bo cocktail ou café frappé ao mellor a proporción de azucre engadido pode variar de xeito significativo o resultado final.
No hay comentarios:
Publicar un comentario