Este noso proxecto de medir sombras para averiguar o radio da Terra plaxiando o método dun señor que malo será que nos demande porque leva máis de 2000 anos criando malvas, toca ao seu fin.
O que non esperábamos é que actor principal desta posta en escena lle dese por non aparecer en todo o ano.
O señor Lorenzo visitounos poucos martes neste curso e claro...se non hai sol, non hai sombra, non hai medidas, non hai cálculos, non hai conclusións...
Por iso ao mellor este acto foi un entreacto e o próximo ano insistimos no tema...agora que temos amigos espallados por toda Europa.
Desde o punto de vista práctico quedámonos cos cálculos feitos en marzo, que nos aproximaron bastante ao resultado que buscábamos e que nos permitiron comparar os nosos datos cos obtidos noutras latitudes. Porén temos a sensación de que nos faltou continuidade para ser máis precisos na toma de datos, parte fundamental en toda investigación científica, sen a cal carece de sentido calquera discusión posterior.
Por iso creo que este punto non é final senón seguido. A isto hai que darlle un verdadeiro estudo matemático e físico, para que a rapazada sexa quen de entender como a partir de algo tan simple e pequeno como un pao e unha cinta métrica podemos chegar a calcular algo tan complicado e grande como o tamaño dun planeta. Cando sexan capaces de facelo entón creo que serán conscientes da magnitude do que fixo un home que habitou nunha civilización sen nengún tipo de avance tecnolóxico, sen máis axuda que a súa extraordinaria capacidade de abstracción. Un exemplo magnífico de como o verdadeiro coñecemento se asenta en bases simples e sólidas.
Polo de agora ímonos contentar con agradecer o esforzo do noso pequeno grupo de investigadores, sempre dispostos a quedar os martes a mediodía para facer algo distinto ao habitual. En todo o que fixeron, ainda que non se decataran, fóronse asentando eses pequenos detalles que marcan a diferencia e que ao mellor algún día lles axudan a camiñar seguros por este mundo de asombro, de descubrimento, de números, de datos, de ciencia...
Ray, Micaela, Miriam, Judit, Inés, Diego, Rebeca...o pouco mérito que hai no que fixermos este ano é voso. Grazas.
Este ano de moitas sombras e algunha luz quixemos facer unha composición fotográfica representando o noso proxecto europeo
Grazas tamén aos nosos amigos espallados por Europa, que nos permitiron intercambiar datos, sorrisos, preocupacións e reflexións.
Daniel en Limerick (Irlanda), Maha en Xordania, Abdurrahman en Turquía, Marek en Polonia e Stefanía en Sardeña (Italia)
Seguro que seguiremos en contacto ;-)




No hay comentarios:
Publicar un comentario