miércoles, 19 de junio de 2024

2ª FEIRA INTERCENTROS DE CIENCIAS

Este ano lanzámonos ao baleiro e organizamos unha feira de ciencias conxuntamente co IES Fernando Esquío de Neda (grazas María por servir de enlace)


Resultou ser un éxito de participación, implicación e organización. Cada ano nolo poñen máis difícil para superarnos.

Desde o blog non queda máis que agradecer a todos os artífices disto e sobre todo do enorme traballo que hai detrás. O Club de Ciencias, encabezado por Fabio González e secundado por Laura Viñas, Ana Polo, Ana Palmero, Pedro Cantero, un servidor e, por suposto, polo grupo tan especial e activo que temos de alumnado de 2º, 3º e 4ºESO, está contento e feliz de poñer punto e...seguido a esta labor tan bonita de divulgar a ciencia a todos os niveis.

Déixovos algunhas instantáneas do día, onde se pode apreciar a actividade levada a cabo polo noso alumnado e o de Neda.













Quero rematar o ano científico 2023-24 coa imaxe que creo que, na miña modesta opinión, debería ser o noso MODUS OPERANDI nisto que a veces chamamos traballar, outras ensinar, outras educar...
Gracias rapaces por lembrárnoslo...


 


martes, 28 de mayo de 2024

FIN DE FESTA

Este ano foi un pouco desordenado respecto á planificación inicial pero ao final fixemos entre todos unhas cantas cousiñas.

Queremos convidarvos a todos a velo cos vosos propios ollos o mércores 19 de xuño, día no que en colaboración co IES de Neda intentaremos darlle vida a un día dedicado á ciencia e aos que lles gusta a ciencia...

Esperámosvos¡¡¡



sábado, 20 de abril de 2024

COMPLETAMOS A SÍNTESE

Este ano o ritmo non pode ser moi continuado pero polo menos podemos reunirnos de vez en cando e seguir o proceso.

O martes 9 de Abril conseguimos illar o noso primeiro biodiesel.

Tiñamos as dúas capas de biodiesel e glicerina no matraz e a cuestión era cómo podíamos separar o biodiesel, que estaba na parte superior debido á súa menor densidade.

Pois dado que a cantidade non era moi grande empregamos pipetas cos seus correspondentes aspiradores automáticos. Todo iso aderezado cun pouco de paciencia e alehop...directos ao funil de decantación


Levámolo a este utensilio porque a seguinte etapa implicaba lavar o biodiesel con auga para arrastrar os restos de sosa, de metanol...e así deixar limpo o noso combustible.
Incluso empregamos unha disolución de vinagre porque co seu pH ácido axudaríanos a neutralizar os restos de sosa da reacción.
O caso é que o biodiesel que sintetizamos axitando en quente tiña un aspecto moitísimo mellor que o que deixamos despois de que non reaccionara sen axitar e a temperatura ambiente. E isto volveuse a poñer de manifesto na fase de lavado porque neste último, ao mesturalo con auga, formouse unha emulsión moi fea, chea de xabón (síntoma de que había auga no medio de reacción) que fixo moi complicado distinguir as dúas fases para separalas...







Porén, o biodiesel "bo" separaouse moi ben e non formou emulsión algunha...




Despois de 2 ou 3 lavados voltamos a extraer o biodiesel do funil mediante unha pipeta e deixámolo nun vaso de precipitados.

Finalmente secámolo no microondas controlando coa sonda de temperatura que esta subira de 100ºC pero non de 130 ou 140ºC para conseguir que se evaporasen os restos de auga pero sen chegar ao flash point do biodiesel.


Cos poucos días que temos para volver a quedar xuntos, o único que nos quedaría sería caracterizar este biodiesel medindo algún parámetro característico como a densidade ou a viscosidade. 
En breve publicaremos os resultados acadados.




 

miércoles, 28 de febrero de 2024

SEGUIMOS A ANDAINA DO BIODIESEL

Por fin puxemos as primeiras probas de síntese...

Traballamos con 4 mostras de 200mL de aceite usado seco e limpo para ver a influencia da temperatura e da axitación.

Aquí vemos a Gabriel e Eneas iniciando o proceso despois de meter o aceite no matraz Erlemeyer e introducirlle uns 50 mL de metanol con sosa, que previamente deixamos que se mesturasen ben durante media hora para conseguir que se formara algo de metóxido sódico.


Das 4 probas, a que se fixo a temperatura ambiente sen mesturar, quentando sen e a temperatura ambiente mesturando...non amosaron presencia algunha de produtos. ¿Como o soubemos? Pois poruqe esta reacción non só produce biodiesel senón glicerina...que é un indicativo clarísimo de reacciópn positiva porque é negra e detéctase perfectamente. 

Mirade senón a proba que se fixo quentando a uns 50 graos centígrados e axitando magnéticamente de xeito vigoroso.


Queda claro que a proba a maior escala farémola quentando a uns 50ºC e axitando ben.

A xustificación está clara: esta reacción é algo especial porque implica facer que interactúen substancias que non son moi miscibles entre sí (metanol e aceite). Para conseguir que haxa o maior contacto entre as moléculas reaccionantes é preciso axitar moi ben para que se mesturen as fases...se por riba quentamos, contribuímos a un maior movemento molecular e así favorecemos as posibilidades de que as moléculas de metanol se aproximen ás do triglicérido do aceite e ataquen os seus grupos éster liberando a glicerina e formando ésteres metílicos cos ácidos graxos correspondentes. A estes ésteres metílicos é o que chamamos BIODIESEL.

Xa nos queda menos para completar o proceso


martes, 20 de febrero de 2024

VISITA AO CITEEC E AO CIFP SOMESO

O luns 19 de Febreiro, o alumnado de 3ºESO e do club de ciencias, na compaña dos profes Miguel Poncela e Fabio González, gozou dunha dobre visita na cidade da Coruña.

Dunha banda, guiadas polos investigadores Gonzalo García-Alén, Luís Pena e Luís Cea, percorreron as instalacións do CITEEC (Centro de Invnovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) da UDC, onde puideron comprobar  como se está a modelar con tecnoloxía punta as inundacións e enchentes nos cursos fluviais e vilas galegas. Tamén lles amosaron modelos a escala para calibrar o comportamento de presas e outras infraestruturas hidráulicas. Tamén aproveitaron a visita para coñecer a Escola Técnica Superior de enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, da propia UDC, onde xogaron con estruturas de diferentes tipoloxías.

Doutra banda, o profesor do departamento de Edificación do CIFP Someso, Juan Bello, amosoulles a súa popular "vieira", un edificio senlleiro proxectado seguindo os principios de bioconstrución. Tamén puideron percorrer a súa mostra de fornos e cociñas solares, emprazándoos a un futuro obradoiro para aprender máis sobre deste método de cociña sustentable e respectuosa co medio ambiente.








lunes, 29 de enero de 2024

POR AQUÍ CHE ANDAMOS DE NOVO...

Me imaxino que xa pensariades que desaparecéramos da faz da Terra. Pero non; nada máis lonxe da realidade. Seguimos dándolle de vez en cando ao biodiesel pero este ano o tempo para publicar no blog o traballo brila pola súa ausencia...

Pero de hoxe non pasa.

Contarvos que este curso 2023-24 temos un grupiño moi interesado nisto da ciencia porque si...porque somos de ver as cousas doutro xeito...¿non si rapaces?

A maioría son de 4ºESO pero tamén se nos uniron tres de 3ºESO.

Xa sabedes que son moi ben recibidos todos aqueles que teñan como motivación a curiosidade por preguntar e intentar ir un pouco máis alá do esperado...

Este ano quero seguir traballando o tema do biodiesel con eles porque nunca o viron e creo que dá pé a facer moitas cousas diferentes no laboratorio. Coller destrezas neste ámbito ven moi ben na súa formación científica.

Ademáis espero que busquemos algúns días para levar a cabo un traballo de campo arredor do IES para medir a calidade de auga da zona.

Estamos a reunirnos os martes: Levamos xa uns 5 ou 6 ao longo deste curso.

¿Onde nos atopamos no proceso? pois xa filtramos o aceite, o secamos e lle medimos a acidez.

Mañá imos determinarlle a densidade antes de facer a reacción de transesterificación.



domingo, 25 de junio de 2023

FIN DE FESTA

Como colofón a un ano no que deixamos atrás a pandemia e puidemos levar a cabo xa con liberdade moitas actividades, decidimos organizar unha exposición na que a rapazada do colexio vira parte do que fixemos no club de ciencias.

Os departamentos de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química, Bioloxía e Inglés dedicámoslle a mañá do martes 20 de Xuño a montar os estands correspondentes. 

había que darlle un toque máis profesional ao asunto e María, a de Bioloxía, tróuxonos un cartel apropiado para a ocasión ;-)


Nas ultimas horas da mañá foron desfilando por eles todos os cursos da ESO.

Os primeiros en recibilos foron o grupo de 1ºESO que preparou con Laura, a profe de Inglés, unha sesión supercompleta de papiroflexia. Para os profanos coma min na materia, segue sendo impresionante como a partir dunha folla de papel poden saír tantas cousas...






Para poñer a proba os coñecementos de ciencias que tiñan os que ían pasando por alí, un grupiño de 2ºESO alentados por María, a súa profesora de física e química este ano, confeccionaron un trivial moi chulo.



Entre medias, o grupo de 6 alumnos de 4ºESO que estivo durante meses quedándose pola tarde os martes, explicaron por parellas o seu traballo sobre a síntese de biodiesel.

Fixérono moi ben e conseguiron deixar claro que son 3 as etapas fundamentais do proceso: 

1-Obter un aceite de partida o más limpo e seco posible

2-Facer a reacción de transesterificación nas condicións óptimas de rendemento: exceso de metanol, axitando moi ben magneticamente e quentando un pouco

3-Levar a cabo determinadas operacións para purificar o biodiesel obtido.

 











Na aula de música esperábannos Yerai, Rebeca, Adriana e José para darnos a oportunidade de presenciar a exposición do traballo que case lle da o primeiro premio en SGAPEIO. Retáronnos a distinguir nun debuxo, nun poema e nunha canción se o autor era un humano ou era produto de intelixencia artificial. As respostas da xente que incluíron no seu traballo deron pé a un estudio estatístico que levou a varias conclusións moi interesantes. Un traballo de investigación excelente que, sen dúbida mereceu chegar tan lonxe e no que o profesor Fabio tivo moito que ver, alentando e avivando a ilusión que amosaron estes alumnos e alumnas de 1ºESO.



Para retomar o traballo típico de laboratorio saímos da exposición e metémonos de cheo entre vexetais, disolventes, extraccións...porque un grupiño de 2ºESO fixeron unha cromatografía en papel para amosarnos como se separan algúns pigmentos típicos presentes nalgúns vexetais, neste caso as espinacas.






E xa para rematar o percorrido nada mellor que algo directo ao corazón...Alí tiñamos ao grupo de 1ºC  de ciencias prestos a explicarnos todo o que quixeramos saber sobre este prezado órgano sen debuxos nin esquemas...mellor tocando e vendo, que é como mellor se aprende (os aprehensivos quedaban eximidos de parar neste estand, ja ja..)












Non podía faltar neste percorrido científico a achega do departamento de Tecnoloxía, con Barcia e Raquel á cabeza: interesantes deseños de maquinaria e a robótica que tanto gusta entre o alumnado.




 
Se a toda esta variedade de actividades lle engadimos o roteiro matemático deseñado por Fabio e Andrés, que o alumnado puido facer polas instalacións do centro, a verdade é que conformamos unha mañá moi completa, polo menos diferente. Un bonito broche para un curso 2022-23 no que deixamos atrás o mal rollo da pandemia e miramos xa cara adiante con optimismo.
Desde o club de ciencias do IES Mugardos, grazas e parabéns a paladas, especialmente a todos/as aqueles que puxeron o seu grao de area para que isto saíra adiante un ano máis; para todos os que pensaron que pensar non era memorizar, senón ver, tocar, errar, rectificar, comprobar...e se deixaron levar nos ombreiros da ciencia.