sábado, 14 de diciembre de 2024

TRABALLANDO AS DISOLUCIONS

Palabras, palabras, palabras...as palabras están moi ben sempre que entre o que fala e o que escoita se estableza a conexión axeitada...o cal por desgraza pasa 2 de cada 5 veces nesta senda educativa que estamos a percorrer (é un xeito de falar, non teño bibliografía ao respecto...)

O mesmo debía pensar Laura de Uña, a profesora de FeQ de 2ºESO, cando estaba explicando as disolucións. 

A culpa foi dela desde logo ;-)

Veuse arriba e meteuse en camisas de once varas...¿Onde credes que se vai fundir antes un cubo de xeo? ¿En auga doce ou en auga salgada?

Como experimento socio-cultural foi interesante porque polo menos fomentou a opinión.

Como bautismo de iniciación á actividade científica...moi positivo, porque lanzaron hipóteses e planificaron posibles maneiras de comprobalo...método científico en estado puro.

Non lle quedou máis remedio á pobre Laura que pedir cita no habitualmente abarrotado laboratorio de Física e Química e poñerse mans á obra.

Un par de vasos de precipitados, un vidro de reloxo, auga de billa, un par de cubos de xeo e sal de cociña. Para medir a temperatura dun xeito máis inmediato botou man dunha sonda termométrica conectado a unha consola VTT e dixitalmente lle ía indicando a temperatura da cada vaso.

Feita a montaxe e comprobada a temperatura inicial dos dous vasos


Era o momento de engadir sal a un dos vasos e esperar...

Como pasa moitas veces en ciencia, as circunstancias de cada experiencia moldean o deseño da seguinte. Desta volta aprenderon que mellor dispoñer de máis sal e botar menos auga no vaso para visualizar o proceso máis rápido, xa que así aumentariamos a concentración salina da disolución.
De todos os xeitos si que se puido comprobar que a temperatura baixaba un par de graos máis na disolución que tiña sal.



Evidentemente a parte teórica que nos arroupa sempre aos científicos nas nosas tolemias experimentais neste caso debían de quedar a un lado.
 
2ºESO non é un curso onde sexa conveniente meterse en moitos detalles porque aínda non armamos esas cabezas cos vimbios axeitados que vemos en 3º e 4ºESO. 
Este grupo podiámolo pillar de novo en 1ºBAC e explicarlles que cando temos 2 fases en contacto (como o noso xeo e a auga que o rodea) establécese un equilibro térmico que leva a un pouco de xeo  subir a súa temperatura fundíndose e a un pouco de auga baixar a súa temperatura para compensar ese vaiven de enerxía que ten lugar. 
Pero cando introducimos unha sustancia na auga facendo unha disolución resulta que baixamos a súa temperatura de conxelación (descenso crioscópico); é máis, resulta que este efecto é máis pronunciado cantas máis partículas disolvamos...e lembro que as sales dan moitas partículas ao disolverse porque se desmorona o cristal que formaban. Conclusión: a auga xa non conxela a 0ºC senón a -5ºC. -10ºC...ou incluso menos dependendo da cantidade de sal que botes nela.
Seguro que todos saben que no inverno soe botárselle sal ás estradas para que non se forme xeo o para fundilo se xa está formado. A explicación reside nese descendo crioscópico rexistrado na auga. Se hai que facer máis xeo...pois non poderemos a non ser que a temperatura baixe moito máis que 0ºC...e se xa está formado, a capa de auga superficial do xeo vai disolver as partículas de sal. Como se formará unha capa moi saturada e todo nesta vida tende ao equilibrio o xeo pasaralle cada vez máis auga á disolución para diluíla, e claro...morrerá no intento porque de onde vai sacar auga o xeo se non é da súa propia fusión....mira ti, ata se ve pode ver o sentido poético a todo isto, para que logo digan que os científicos son uns insensibles anota-datos.

Pero volvendo á realidade de 2ºESO...a experiencia serviu para comprobar que o que algúns alumnos predicían que ía ocorrer, pois non ocorría tal, que cando en ciencia temos dúbidas do que pode pasar temos a posibilidade de experimentar para poder estar máis seguros á hora de opinar, e tamén serviu para os que van facer un FP de restauración e acabar sendo un barman, porque á hora de preparar un bo cocktail ou café frappé ao mellor a proporción de azucre engadido pode variar de xeito significativo o resultado final.


  

BUSCANDO A QUÍMICA NA COCIÑA

A verdade é que xa hai tempo que non aparecen os famosos biscoitos polo blog (un día debateremos iso de famosos...)
Pero este ano a profesora Antía Portela fixo renacer a proposta e claro, o alumnado de 3ºESO encantado.
O primeiro día que lle comunicas que van facer un biscoito o entusiasmo é xeneralizado.
Despois cando explicas ben a tarefa e aparece a letra pequena do contrato a cousa baixa un pelín.
Haberá que formar grupo, buscar receitas documentadas, ir ao supermercado e anotar prezos de ingredientes, facer cálculos matemáticos para saber o que hai que engadir e a que custo...e cando se teña todo en orde poderase pasar á fase presencial e elaborar o biscoito nas instalacións do instituto.  E xa postos, ese día, non se pode esquecer o material, hai que organizar o grupo para traballar eficazmente...
En definitiva que o que pode parecer unha feira total, ao mellor ten máis de masterclass que de feira. 
Sexa como sexa, ao final sempre acabamos pasando un momento moi entretido e elaborando uns produtos finais espectaculares. E este ano non ían ser menos.
O martes 10 de decembro os 5 grupos de 3ºESO asaltaron literalmente o laboratorio e o converteron nunha fábrica de chocolate, manteiga, risas e discusións a partes iguais.
O ambiente de traballo era frenético



Durante máis de media hora traballaron sen descanso


A maior parte do tempo nesta actividade consiste en mesturar, mesturar e mesturar, tanto sexa a man...


Como recorrendo á tecnoloxía



Na mestura reside a esencia da química, para lograr que o contacto entre compoñentes sexa equilibrado e o resultado da xuntanza os converta nalgo mellor (este é o momento en que algún ousado pilla a metáfora, outro pon cara de empanada e outro segue mesturando tan pancho)

Non se trata de mesturar por mesturar, senón de ir engadindo cada cousa no intre axeitado


Lembra de novo que non por pesar máis vas ser máis importante na receita. Cada un desenvolve o seu papel e uns poucos gramos dun insignificante po pode darlle a consistencia xusta ao resultado final. Non o esquezas a próxima vez que intentes matar moscas a canonazos.



A lección que viña moi ben aprehendida era a da limpeza...o laboratorio quedou coma unha patena. Sempre é un pracer comprobar que entenden que a parte máis sucia é a que pode facer que o resultado sexa o máis limpo posible.
Así que despois disto:


Sempre houbo isto:




Un grupo incluso se veu arriba e acabou elaborando dous biscoitos co cal ao final conseguimos 6 produtos. O aspecto en cru antes de ir ao forno prometía...


Neste momento da historia é onde é preciso facer un alto no camiño para agradecer a Vicente da panadería Os Corzás a súa amabilidade e desinterese facendo posible o cocido necesario para conseguir o biscoito final (dáme a min que pedir que nos compren unha cociña para isto vai quedar en nada, ja ja.)

Dito isto, cruzamos dedos durante media hora esperando que todas as boas vibras que nos daba o aspecto que tiña todo, se traducise nun sabor único facendo que o resultado final fose redondo.
Porque creo que todo o mundo entende que se te dedicas a facer biscoitos o que queres é que queden deliciosos. Moito traballo, moi boas mesturas, moita paciencia, moita limpeza...pero que o biscoito non sabe a nada....fracaso.
Pero non, ninguén fracasou. O complicado foi determinar cal foi o mellor dado o espectacular resultado final. Brownies, de iogurt, bica, de chocolate...desde logo na variedade está o gusto, pero neste caso o gusto estaba na TOTALIDADE.
Mirade que pinta


Os nosos máis sinceros parabéns a Antía pola organización e ao alumnado de 3ºESO polo traballo levado a cabo que por enriba vai repercutir na nota da avaliación...
E tamén a todos os que formamos parte do xurado pola dobre satisfacción de probar e valorar ,-)
 

sábado, 7 de diciembre de 2024

PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

As veces imaxino que hai un Universo paralelo no que suceden cousas moi similares ás que suceden no noso. E por esas estrañas casualidades vitais estes Universos entrelázanse puntualmente e aparecen diante de ti sucesos que reforzan o que ti, como docente, tratas de explicar.
Algo similar lle pasou hai pouco á profesora Marta González co seu "abigarrado" grupo de FP básica.
A piques estaba de entrar a traballar algo tan importante como a prevención de riscos laborais cando desde o levante español empezaron a chegar as novas máis tráxicas.
Na metade de tanto desconcerto e desesperación provocados pola infame DANA brotou de novo esa urxente necesidade de axudar de moitos españois e alá se dirixiron regueiros de voluntarios.
As intencións eran moi boas, iso está claro, pero a situación superounos a todos e todo se converteu nun auténtico caos.

Unha pequena reflexión sobre o asunto acaba onde moitas veces acaban estas cousas: a falta de preparación non pode ensombrecer as boas intencións da xente.
Como xusto por esa época andaba Marta a voltas cos riscos laborais cos de FP ¡que mellor oportunidade que esta para tratar o tema!.

Presentou a situación, ofertou diferentes modos de aproximación a través de varias estratexias, deixou que a cousa saíra da aula e buscara un sitio na realidade e deixou que despois volvese reforzada para apuntalar o estudio proposto.

Neste caso concreto o que se trataba era de coller as medidas publicadas polo Ministerio para esa avalancha de voluntarios, analizalas e clarificalas para que todos as puidésemos entender.

Nesa labor un dos grupos plasmaría un resumo das medidas de forma escrita mediante frases simples, adoptando unha tipografía clara.



Pero debido ás tremendas dificultades de base que ten un grupo de alumnos/as (algúns deles case non saben ler nin escribir en español...) a profesora Marta pareceulle moi conveniente que outro grupo chegase ás mesmas conclusións pero non pola vía das palabras senón pola dos pictogramas, moito máis Universal.


Ao final puideron facer un "cesto" interesante, sobre todo tendo en conta os vimbios dispoñibles.

 

¿Custoulle á profesora poñelos a traballar nun tema, a priori, tan lonxano para eles? Posiblemente...
¿Dificultades para poñer en marcha os grupos de traballo? Seguramente
¿Momentos puntuais onde un se ve desbordado tratando de harmonizar tantos ritmos diferentes de aprendizaxe? Uns cantos... 
¿Sentimentos de esperanza ao ver que a cousa bota a andar? Por suposto...
¿Comprobar que mesturan inconscientemente ciencia, lingua e realidade? Gratificante... 
¿De quince algún entendeu as medidas do Ministerio e de paso traballou contento e doutro xeito? Claro, ao mellor só un, pero só por iso xa paga a pena.
Grazas a todos os compañeiros por non perder as ganas (ou polo menos non deixar que os días que non hai ganas de nada esmaguen aos días bos) e seguir sementando con esperanzas de obter colleitas nos solos máis áridos.










jueves, 5 de diciembre de 2024

SEGUIMOS A VOLTAS CO OSÍXENO DA AUGA

A verdade é que a primeira toma de contacto co kit de determinación de osíxeno deixounos algo "moscas" porque levaba moito tempo apalancado no laboratorio e os produtos que contiña podían estar xa sen as propiedades inalteradas. Xa sabedes que case todo ten caducidade...e en química máis.

Tiñamos que saciar esa curiosidade e este martes puxémonos mans á obra de novo. 

Como algún dos nosos valentes voluntarios non estivera o día da estrea, isto serviu para algúns como reforzo de técnicas e coñecementos e para outros como bautismo na senda da análise química.

Temos que dicir que desta volta todo saíu perfecto. As cores da distintas etapas do proceso quedaron patentes e confirman que o kit funciona e está listo para posteriores usos.

Despois de coller os 67 mL de mostra no frasco pertinente, asegurándose de que non quedaran burbullas dentro, a introdución de 5 pingas de sulfato de manganeso (II) e outras tantas dunha mestura de hidróxido de potasio, ioduro de potasio e azida de sodio, consegue transforman oxidar o manganeso e reducir o osíxeno disolto tal que formen entre eles un raro composto de óxido-hidróxido de manganeso (IV) de aspecto grumoso e cor café que precipita no fondo do frasco de mostra


No paso seguinte a adición de 10 gotiñas de ácido sulfúrico provoca outro proceso REDOX no cal o manganeso volvas ao estado de oxidación +2. 

pero desta volta interésanos máis quen se vai a oxidar a cambio, porque será este o composto ao que lle imos seguir a pista...é o iodo do ioduro de potasio que se vai transformar en iodo.

Visualmente o que vemos e que todo o medio se torna nunha fermosa cor amarronada brillante (debido ao iodo) e o precipitado desaparece ao reaccionar o manganeso que o conforma.


Xa temos o traballo a medio acabar, pero este momento é clave porque temos a nosa mostra preparada para ser analizada as veces que queiramos. 

O osíxeno presente na auga reaccionou CUANTITATIVAMENTE co manganeso engadido, e quedou fixado en forma de óxido-hidróxido de manganeso. Pero este participou na transformación CUANTITATIVA  de ioduro en iodo, co cal EN RESUMIDAS CONTAS, a cantidade de iodo aparecido está directamente relacionada coa cantidade de osíxeno presente da mostra.

Tratarase pois determinar que cantidade de iodo hai nesa mostra, e para iso poñemos en práctica unha técnica moi importante e recorrente en química: a VALORACIÓN. Neste caso, valoración redox, que simplemente consiste en tratar un reactivo con outro en presenza dunha sustancia que cambie de cor cando se acabe a reacción entre elas.

Para o iodo este kit trae un composto como o tiosulfato de sodio. Como indicador introduce unha disolución de amidón.

Para que os resultados sexan cuantitativos precisamos coller 5mL da mostra (ou 10mL se sospeitamos que hai pouco osíxeno) e introducilos nun recipiente que trae o kit:


A introdución dunha soa gotiña de disolución de amidón fai virar a cor a un azul intenso 



Entramos na recta final da análise collendo cunha xiringa moi precisa a disolución de tiosulfato de sodio.

Engadimos este reactivo pouco a pouco e podemos comprobar que a cor azul intensa vai desaparecendo pouco a pouco.



Preto do final a introdución dunha soa gota fai desaparecer bruscamente a cor e volvendo o medio transparente. 


Ese é o sinal: a reacción rematou.

O bo do kit e das cantidades que nos mandaron engadir é que agora só temos que ver os mL gastados de tiosulfato e multiplicar o valor por 10. O resultado obtido é o valor de concentración de osíxeno na auga de mostra expresado en mg/L.

No noso caso deunos tempo a facer 2 análises, unha da auga da billa de Mugardos e outra da auga da choiva que estaba a caer.

Obtivemos uns 6mg/L na auga de traída e uns 10mg/L na de choiva, algo totalmente coherente e acorde cos valores esperados.

Parabéns ao grupo de traballo que xa domina a técnica e resolve análises en menos de 5 minutos.



CON PERDÓN...

Desculpade que me meta no medio de tanta análise de auga...pero hai veces que a realidade nos explota na cara e nos obriga a cambiar as rutinas.

Hai pouco máis dun mes o pobo valencià sufriu unha das maiores traxedias que lembramos. Podíamos simplificar dicindo que caeu o Diluvio Universal nunhas poucas horas e arramplou con todo: persoas, cousas, ilusións...


Ou quizais ao mellor podiamos non simplificar tanto e darlle unha volta a todo isto na procura dunha razón con máis peso, pero a dor non ía desaparecer...

Xa sabemos que en ciencia a masa das cousas (ou o peso, se queremos asumir unha pequena mentira...) mídese en quilogramos. 

Pero tamén sabemos que o peso dalgunhas cousas non se cuantifica dese xeito. 

Por iso decidimos botar man das pezas que conforman a nosa táboa periódica e usalas para construír mensaxes. 

Mensaxes de esperanza e apoio para unha xente que baixou ás profundidades máis escuras da existencia e agora trata de saír a flote co pouco que lle quedou.



No seu momento o descubrimento dos elementos químicos e a súa colocación na táboa periódica deulle sentido á química moderna.

Hoxe desexamos que a colocación destes símbolos químicos nas nosas mensaxes lle dea sentido ao futuro. Ese futuro que pouco a pouco deixará de verse tan negro coma se ve hoxe.


Algunhas mensaxes da rapazada cruzáronse, como cruzan os camiños que percorremos nesta vida. Encrucilladas que non hai que ver como o lugar onde nos perdemos senón como o lugar que nos da a opción de cambiar de ruta e mellorar. Se alguén quere ver algo máis agochado tras desa cruz, tamén se acepta. Non teñades medo do conflito de interese que leva aparellado coa ciencia ;-)


Rematamos esta entrada coa mellor das saídas posibles: grazas ao alumnado de ciencias de 4ºESO por prestarse a este exercicio de sinceridade e solidariedade. E grazas ao todos os que dun xeito material ou inmaterial dedicaron parte do seu tempo, diñeiro, esforzo...a axudar e apoiar ao pobo valenciano.

A pena é que teñamos que esperar a que sucedan estas desgrazas para comprobar o bonito que resulta axudar sen esperar nada a cambio.