jueves, 5 de diciembre de 2024

CON PERDÓN...

Desculpade que me meta no medio de tanta análise de auga...pero hai veces que a realidade nos explota na cara e nos obriga a cambiar as rutinas.

Hai pouco máis dun mes o pobo valencià sufriu unha das maiores traxedias que lembramos. Podíamos simplificar dicindo que caeu o Diluvio Universal nunhas poucas horas e arramplou con todo: persoas, cousas, ilusións...


Ou quizais ao mellor podiamos non simplificar tanto e darlle unha volta a todo isto na procura dunha razón con máis peso, pero a dor non ía desaparecer...

Xa sabemos que en ciencia a masa das cousas (ou o peso, se queremos asumir unha pequena mentira...) mídese en quilogramos. 

Pero tamén sabemos que o peso dalgunhas cousas non se cuantifica dese xeito. 

Por iso decidimos botar man das pezas que conforman a nosa táboa periódica e usalas para construír mensaxes. 

Mensaxes de esperanza e apoio para unha xente que baixou ás profundidades máis escuras da existencia e agora trata de saír a flote co pouco que lle quedou.



No seu momento o descubrimento dos elementos químicos e a súa colocación na táboa periódica deulle sentido á química moderna.

Hoxe desexamos que a colocación destes símbolos químicos nas nosas mensaxes lle dea sentido ao futuro. Ese futuro que pouco a pouco deixará de verse tan negro coma se ve hoxe.


Algunhas mensaxes da rapazada cruzáronse, como cruzan os camiños que percorremos nesta vida. Encrucilladas que non hai que ver como o lugar onde nos perdemos senón como o lugar que nos da a opción de cambiar de ruta e mellorar. Se alguén quere ver algo máis agochado tras desa cruz, tamén se acepta. Non teñades medo do conflito de interese que leva aparellado coa ciencia ;-)


Rematamos esta entrada coa mellor das saídas posibles: grazas ao alumnado de ciencias de 4ºESO por prestarse a este exercicio de sinceridade e solidariedade. E grazas ao todos os que dun xeito material ou inmaterial dedicaron parte do seu tempo, diñeiro, esforzo...a axudar e apoiar ao pobo valenciano.

A pena é que teñamos que esperar a que sucedan estas desgrazas para comprobar o bonito que resulta axudar sen esperar nada a cambio.












No hay comentarios:

Publicar un comentario