As veces imaxino que hai un Universo paralelo no que suceden cousas moi similares ás que suceden no noso. E por esas estrañas casualidades vitais estes Universos entrelázanse puntualmente e aparecen diante de ti sucesos que reforzan o que ti, como docente, tratas de explicar.
Algo similar lle pasou hai pouco á profesora Marta González co seu "abigarrado" grupo de FP básica.
A piques estaba de entrar a traballar algo tan importante como a prevención de riscos laborais cando desde o levante español empezaron a chegar as novas máis tráxicas.
Na metade de tanto desconcerto e desesperación provocados pola infame DANA brotou de novo esa urxente necesidade de axudar de moitos españois e alá se dirixiron regueiros de voluntarios.
As intencións eran moi boas, iso está claro, pero a situación superounos a todos e todo se converteu nun auténtico caos.
Unha pequena reflexión sobre o asunto acaba onde moitas veces acaban estas cousas: a falta de preparación non pode ensombrecer as boas intencións da xente.
Como xusto por esa época andaba Marta a voltas cos riscos laborais cos de FP ¡que mellor oportunidade que esta para tratar o tema!.
Presentou a situación, ofertou diferentes modos de aproximación a través de varias estratexias, deixou que a cousa saíra da aula e buscara un sitio na realidade e deixou que despois volvese reforzada para apuntalar o estudio proposto.
Neste caso concreto o que se trataba era de coller as medidas publicadas polo Ministerio para esa avalancha de voluntarios, analizalas e clarificalas para que todos as puidésemos entender.
Nesa labor un dos grupos plasmaría un resumo das medidas de forma escrita mediante frases simples, adoptando unha tipografía clara.
Pero debido ás tremendas dificultades de base que ten un grupo de alumnos/as (algúns deles case non saben ler nin escribir en español...) a profesora Marta pareceulle moi conveniente que outro grupo chegase ás mesmas conclusións pero non pola vía das palabras senón pola dos pictogramas, moito máis Universal.
Ao final puideron facer un "cesto" interesante, sobre todo tendo en conta os vimbios dispoñibles.
¿Custoulle á profesora poñelos a traballar nun tema, a priori, tan lonxano para eles? Posiblemente...
¿Dificultades para poñer en marcha os grupos de traballo? Seguramente
¿Momentos puntuais onde un se ve desbordado tratando de harmonizar tantos ritmos diferentes de aprendizaxe? Uns cantos...
¿Sentimentos de esperanza ao ver que a cousa bota a andar? Por suposto...
¿Comprobar que mesturan inconscientemente ciencia, lingua e realidade? Gratificante...
¿De quince algún entendeu as medidas do Ministerio e de paso traballou contento e doutro xeito? Claro, ao mellor só un, pero só por iso xa paga a pena.
Grazas a todos os compañeiros por non perder as ganas (ou polo menos non deixar que os días que non hai ganas de nada esmaguen aos días bos) e seguir sementando con esperanzas de obter colleitas nos solos máis áridos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario