O martes pasado quedamos o grupo AUGA para botar a andar isto da caracterización fisico-química da auga de Mugardos.
Xa empezamos a ver as primeiras contribucións dos integrantes do grupo no drive que montamos para centralizar a información dispoñible na rede sobre a auga. Así saberemos un pouco máis deste tema e estaremos mellor preparados para afrontalo.
Pero xa había gañas de empezar a "fuchicar" con aparellos e reactivos varios e puxémonos mans á obra.
Co gallo de determinar a cantidade de osíxeno que estaba presente na auga iniciamos una serie que reaccións en cadea que nos permitisen cuantificar este parámetro.
Lembramos que saber o osíxeno presente na auga ten importantes repercusións para os seres que viven nela.
Para descubrilo puxemos en práctica o método clásico de Winkler, con algunha pequena variación metodolóxica (Alsterberg). Agora pasamos a contarvos en que consistiu...
O primeiro foi tomar unha mostra de auga nun bote de cristal cun volume fixo. Moi importante neste paso era encher de auga ata desbordar, despois de enxaugar 3 veces. Así ao tapar sae a auga que non cabe dentro e non deixa nin unha burbulla de aire no seu interior. Isto é fundamental porque nós queremos avaliar a presenza de osíxeno na auga e non no aire das burbullas. E sobre esa mostra engadíronse 5 pingas dunha disolución de sulfato de manganeso que ten un aspecto leitoso.
A continuación introducimos no bote outras 5 dunha disolución que contén unha mestura dun composto básico (hidróxido de potasio), azida de sodio e ioduro de potasio e logo axitamos enerxicamente.
Vemos que aparece unha especie de precipitado de cor café que vai caendo ao fondo. Este é o sinal claro de que a cousa vai ben. O manganeso oxidouse co osíxeno presente na auga grazas ao pH básico proporcionado polo hidróxido de potasio, e formou este composto cor café que é unha especie de óxido-hidróxido.
Agora podemos dicir que o osíxeno que había disolto xa non está como tal senón que está formando parte dun composto diferente.
O seguinte paso será engadir 10 pingas de ácido sulfúrico e axitar.
Este medio ácido vai permitir que o composto que ten o manganeso en estado de oxidación +4 reaccione co ioduro de potasio engadido no paso anterior e volva a reducirse a manganeso +2 oxidándose o ioduro a iodo.
Como consecuencia desaparece a turbidez no medio e adquire unha cor amarela que nos resulta bastante familiar porque é debida ao iodo producido, que é o que contén o "betadine" que lle botamos á feridas para desinfectar.
Neste caso a cor non era tan pronunciada, o cal xa evidenciaba que moito iodo non había...
Como etapa final o grupo AUGA empregou unha das técnicas máis importantes que temos na química que é a valoración. En poucas palabras consiste en facer reaccionar unha cantidade fixa e coñecida dun composto con outro composto que se vai engadindo pouco a pouco desde unha xiringa, unha pipeta, unha bureta, calquera utensilio que non proporcione unha medida de volume o más precisa posible. A adición remátase normalmente cando se observa un drástico cambio de cor.
Neste caso concreto a valoración é redox, é dicir está protagonizada por un axente oxidante (iodo) e outro redutor (tiosulfato de sodio).
Para que se vexa ben o punto final da valoración engadimos amidón que lle deu unha cor azulada ao medio ao unirse ao iodo presente
O tiosulfato de sodio engadímolo desde unha xiringa moi precisa ata que esa cor azul desapareceu de súpeto, o cal ocorreu cuns 0,5 mL aproximadamente.
As cantidades engadidas e o volume da mostra contida no frasco xa estaban prefixadas de tal xeito que se o volume determinado MULTIPLICADO POR 10 xa nos proporcionaba o valor da concentración de osíxeno en auga.
Neste caso polo tanto estamos perante unha auga que contén 5mg/L de osíxeno.
Para alguén que non teña moitos coñecementos de química pode que o proceso sexa complicado de entender...a verdade, para que nos imos enganar: é a pura verdade. É máis, incluso para os que saben algo de química, escribir todas as reaccións que van tendo lugar unha detrás doutra non é doado.
Pero podémonos quedar co resumo xeral e o resultado final que é o que nos importa:
"O osíxeno da auga non o determinamos directamente senón que o fixamos pero convertido noutro composto, o cal cuantificamos mediante unha valoración redox. Así sabendo a cantidade de un sabemos a cantidade do outro".
Por certo o resultado obtido está no límite da hipoxia, é dicir, que é un auga con pouco osíxeno.
De todos os xeitos non convén extraer conclusións precipitadas por que é preciso asegurar a reproducibilidade do método, e para iso haberá que repetir máis veces as medicións.
Neste primeiro ensaio o importante non era o resultado senón adquirir as destrezas básicas para o uso do kit de medición.