martes, 20 de mayo de 2025

EVIDENCIAS DO APRENDIDO

Despois da sesión tan produtiva que tivemos con David Ballesteros apetecía levar algo do aprendido ás aulas. Seguro que á rapazada lle ía gustar.

Foi tal a cantidade de cousas que nos amosou que tampouco pretendemos implementalas todas neste curso...xa cadrará o momento máis axeitado en función do desenvolvemento curricular.

Pero un par de cousiñas si que nos apetecía probar.

A lupa electrónica era algo que conectado ao dispositivo axeitado nos podía axudar a ver o MUNDO DESDE OUTRO PUNTO DE VISTA.

¿Bonita bolsa de tela verdade?


Pero se nos aproximamos máis...mira ti como cambia a cousa:


E esa pantalla de móbil que sempre estás a mirar...


Pois non é tan suave e continua como ti crees...


¿Ves os pixels da pantalla LED?...curioso ¿verdade?

E eses cristais que tanto tempo che levou formar na práctica de cristalización na materia de Física e Química...pero non me digades que non valeu a pena ser tan paciente se acabou construíndose algo tan arquitectonicamente perfecto coma isto..


E todo grazas a este aparatiño tan simple e insignificante:


Un microscopio dixital que conectado ao mobil ou á pantalla do ordenador ofrécenos unha visión do mundo algo máis detallada...xa queda ao entender de cada un se aproximarse é bo para apreciar cada matiz...lembra que tamén se aprecian mellor os defectos ;-)

Tamén lle queremos dar as grazas á profesora Rita Fernández porque esta semana púxose mans á obra con alumnos de necesidades específicas de apoio educativo.

Pasárono moi ben fabricando bombas de baño. A lectura do guión no que aparecían os pasos a seguir xa foi un reto e puxo de manifesto o importante que é seguir os camiños da ciencia e non saírse deles en busca de aventura. Isto non está prohibido na ciencia; é máis, é recomendable facelo de vez en cando para explorar rutas máis emocionantes no mundo do saber, pero desde logo hai que saber cando facelo, e desde logo non é cando estás probando por primeira vez. Primeiro intenta reproducir un experimento da maneira máis sistemática e controlada que poidas para que saibas extraer mellor as conclusións...

A cousa parecía sinxela: tratábase de mestura un pouco de ácido cítrico por unha banda...e un pouco de bicarbonato sódico por outra...Para facer a experiencia do baño máis exótica e relaxante pois poderíamos engadir unha esencias...



Unha vez esmagados ben os compoñentes...pois a mesturar todo o conxunto...


Só quedaba encher os moldes para darlle ás nosas bombas a forma desexada, neste caso unhas preciosas esferas...Pois nada, a encher moldes.





A parte final simplemente sería quitar a mestura do molde coa forma desexada e á auga patos...






E a desfrutar co relaxante crepitar da bola ao entrar en contacto coa auga e iniciar a reacción simple entre o ácido e o bicarbonato para desprender incontables burbullas de dióxido de carbono que tratan desesperadas de escapar dese opresivo medio líquido cara mundos máis libres como o gasoso que nos rodea. Ao abrirse camiño entre as moléculas de auga para escapar provocan ese ruidiño tan ASMR que nos transporta a mundos máis tranquilos que este...
A cousa parece un conto ou unha serie de Disney...por iso seguro que o grupo de Rita decidiu darlle emoción ao asunto e meteu uns pétalos de flores como aditivo na mestura e de paso (e sen querelo...) un  pouquiño de humidade...co cal a reacción iniciouse xa nos molde e acabaron uns rebentando, outros resistíndose a ser abertos...digamos que o fin de semana de spa e relax tornou nun fin de semana algo máis estresante.
O balance final foi positivo porque aprenderon que en ciencia a reproducibilidade e o control de variables é esencial para acadar o éxito experimental e sobre todo as risas...o inesperado sorprende e pode converter un momento aburrido noutro moi divertido. 
Ao final trátase de pasalo ben ¿non?
O dito, grazas a todos pola participación desinteresada nesta traxicomedia que é a ciencia por e para adolescentes;-)
 

sábado, 29 de marzo de 2025

Vestímonos de gala...

O luns 17 de marzo pola tarde tivemos o pracer de recibir no centro a David Ballesteros, un crack nisto da divulgación científica.

Durante máis de 3 horas fíxonos un percorrido pola química, pola bioloxía, pola tecnoloxía..pola ciencia en xeral, a través dunha serie de experimentos curiosos e sinxelos.

Empezamos cun reto que consistía en formar a estrutura máis alta posible cuns materiais moi rudimentarios. 

Despois tomounos algo o pelo co peixiño este sabio que sabía se estabamos a mentir ou non ;-)

Ambientamos despois a aula  metendo unhas luces ultravioleta que nos pode dar moito xogo coa rapazada, e unha cámara que nos amplía a realidade moitas veces e nola presenta dun xeito algo distinto a como nola presentan os nosos ollos, magnífico punto de partida para un debate físico-filosófico sobre a nosa percepción de todo o que nos rodea.

Tamén nos ensinou que non todas as plastilinas conducen a electricidade...ou que se pode fabricar rápidamente un imán caseiro.

Para rematar arroxou un pouco máis de luz (ultravioleta neste caso) sobre unhas gominolas de osiños moi coñecidas para liarnos un pouco coa nosa percepción das cores.


A tarde pasou rapidiña entre experimento e experimento e acabamos fabricando bombas de baño con ácido cítrico e xoias moi chulas con resina epoxi.


A verdade é que foi un pracer e un privilexio contar con David para pasar unha tarde entre ciencia na que aprendemos unhas cuantas cousas que de seguro que podemos insertar na aula coa rapazada.


sábado, 15 de marzo de 2025

A CAN DE MOR...

Imos a permitirnos esta licencia para honrar ao inefable Chiquito de la Calzada...

Resulta que o martes pasado pechamos a serie de análises de parámetros característicos da auga coa determinación de cloruros mediante o método de Mor...quero dicir MÖHR ;-)

Saber a cantidade de cloruros que contén unha auga pode que non sexa o máis crucial para coñecer a súa calidade...pero axuda.

A verdadeira razón para levalo a cabo coa rapazada é porque o método de Möhr é unha excelente oportunidade para practicar varias actuacións procedimentais químicas que contribúen en bo grao á súa formación científica.

De primeiras teñen que preparar disolucións. Concretamente 10 mL dunha de cromato de potasio (K2CrO4) ao 5% e 100mL dunha de nitrato de prata 0,01M.

O obxectivo é tratar a auga da nosa mostra con nitrato de prata porque se contén cloruros, estes van reaccionar inmediatamente coa prata para formar unha sal branquecina e insoluble chamada cloruro de prata que caerá ao fondo precipitada.

O bonito deste proceso é que se o acompañamos dunhas gotiñas de disolución  de cromato de potasio vai ter lugar un efecto moi chulo e significativo: cando xa non quede na disolución máis cloruro de precipitar, os ións prata elixirán a outro actor secundario para reaccionar: o cromato, que rapidamente formará cromato de prata, que ao ser rosáceo-vermello amosaramos moi claramente este punto. E isto é importante porque este punto marcará o final da reacción que nos interesa e mediante uns sinxelos cálculos químicos permitiranos determinar a cantidade de cloruros que había na nosa mostra de auga.

Fíxate tí se será curioso, bonito e importante este procedemento que vos acabo de contar que en  química ten nome propio: valoración complexométrica.

Para levala a cabo tense que poñer en marcha un mecanismo experimental moi concreto que implica o uso dunha bureta e un Erlenmeyer...os químicos saben do que falo porque é un dos procedementos  analíticos máis familiares dentro da profesión. Nel, como pasa moitas veces  en moitos ámbitos, o tipo máis importante é o máis insignificante...aquí unhas gotiñas do indicador daranos toda a información  que precisamos. Tinxirán o medio de reacción de amarelo...pero o seu dramático cambio a vermello porá fin ao proceso.


Pero por se fora pouco o que implicaba o proceso, había outro parámetro que agochado desde a sombra podía mandar todo á porra senón o controlábamos: o pH.

Resulta que esta reacción que vos acabo de contar entre os cloruros e a prata non se leva a cabo como queremos se o pH está por debaixo de 7 ou por riba de 10. Nesas zonas entran en xogo outras especies químicas que arruínan o noso proceso.

Por iso sacamos do armario a nosa consola VTT coa súa sonda de pH e, despois de comprobar cun tampón de pH 4 que medía ben, procedemos a medir o pH da nosa auga 


Non o esperábamos pero resulta que nos deu algo ácido (sobre 4...) polo que había que subilo.

Menos mal que temos unha solución: engadir bicarbonato de sodio sube o pH e non prexudica o proceso, así que alá fomos...


Un pouquiño nunha espátula foi suficiente para situar o valor de pH no rango desexado.

So quedaba poñerse mans á obra, suxeitar a bureta co nitrato de prata cunha man e abrir a chave para empezar a reacción. Decidimos non axitar a man e así usábamos o axitador magnético que resulta moi cómodo e eficaz. 

O resultado: para unha mostra de 10 mL de auga gastamos uns 28 mL de nitrato de prata 0,01M o cal nos di que a nosa auga contiña uns 1000mg/L, cantidade moi elevada para unha auga natural...MENOS MAL QUE NON ERA NATURAL senón unha disolución  feita adrede no laboratorio para practicar os pasos do método de Möhr...a próxima vez, co procedemento aprendido tocará facer unha medición real.




martes, 4 de marzo de 2025

Refreshing todo o aprendido

Aproximábanse as vacacións de antroido e como a papiroflexia sempre é un bo motivo para xuntar ao grupo pois dito e feito: o martes 25 de febreiro as profesoras Laura Viñas, María Jesusa e Rita pasaron unha horiña cos seus papirofléxicos para sacar unha boa colección de lazos, trompos e paxariñas que sempre nos vén xenial para darlle un punto de elegancia ao centro ;-)



lunes, 3 de marzo de 2025

¡¡¡Mi madriña que pelos!!!

Que tire a primeira pedra o que nunca lle pasou que lavando ese pelazo para poñerse guapo...



acabou co pelo acartonado e teso como un pao



Ao mellor o que non sabías é que a auga que usas para estes menesteres pode ser o punto clave para conseguir un traballo perfecto.
Seguramente algunha vez oíches a expresión este auga é moi dura e aínda que a túa cabeciña dixo: "¿dura? se é líquida, como vai a ser dura..." e logo de 3 segundos pasaches páxina e aí o deixaches correr...pois moi mal. Xa sabes que cando te asaltan estas dúbidas o que tes que facer é saciar esa curiosidade.
Se o fixeras, algúns falaríanche desa cal que se acumula nas tuberías e que non é moi amiga dos lavavaixelas. Outros falaríanche diso que comentamos do pelo, que lle fai gastar un lote de champú para conseguir o mesmo efecto.
Pero se acudises a un químico comentaríache que os xabóns son unhas sales iónicas de ácidos graxos, pero os ións preferentes son os alcalinos, o sodio e o potasio xeralmente.
Pero cando eses ións son substituídos polos do grupo II (alcalinotérreos), principalmente calcio e magnesio, eses xabóns precipitan e tardan moito en dar escuma ao mesturarse coa auga.
Este fenómeno pon de manifesto un tipo de auga coa que resulta complicado formar xabóns, polo que tradicionalmente se lle chama dura.
Químicamente o parámetro da dureza reférese á concentración que ten unha auga en ións calcio e magnesio esencialmente. 
Para saber cómo é en canto a dureza a auga da traída de Mugardos empregamos un kit da casa Hanna que expresaba a dureza en mg/L de carbonato de calcio.
O proceso químico é relativamente sinxelo:
-Lévase o pH da mostra a unha zona bastante básica. Sobre 10 está ben. Desa xeito asegurámonos que todo o bicarbonato está en forma de carbonato. Neste senso un tampón amoníaco/amonio é o máis empregado. No noso kit, 5 gotas son suficientes.
-Engádese 1 gota dunha solución de calmagita. Este composto orgánico é a clave do proceso porque actúa de indicador. Cando xa non haxa máis ións calcio ou magnesio no medio reaccionará co reactivo quelante e cambiará drásticamente a cor do medio de vermello a azul.
-E por suposto o reactivo clave: o ácido etilén diamino tetraacético (EDTA). Un composto que cando atopa ións magnesio ou calcio no medio forma con eles un complexo vermello.
Pois así foi como saiu a cousa:
O primeiro que fixemos este martes 25 de febreiro foi medir o volume de mostra. Como non tiñamos nin idea da cantidade que iamos atopar pois empezamos por 5 mL. Logo de botarlle 5 gotiñas de tampón de pH e 1 de indicador deixamos preparada a mostra para a complexometría:


 
Enrasamos a xeringa co AEDT e empezamos a engadir





Ata que observamos un cambio de cor a azul e paramos


Neste caso gastamos 1 mL de AEDT e segundo as indicacións do kit había que multiplicar este resultado por 30 para obter a cantidade de carbonato de calcio en mg/L ou sexa: 30 mg/L.
Pero como este valor é moi pequeno decidimos aumentar a escala para cometer menos erro.
Fixemos unha segunda proba con 10 veces máis de mostra (50mL).


E obtivemos prácticamente o mesmo resultado: 1,1 mL de gasto, que multiplicado por 30 neste caso ofrece un resultado final de 33 mg/L.

Parece que todo resulta segundo o esperado: a auga de Mugardos é moi blanda, xa que o seu valor está comprendido entre 0 e 70.
Así que xa sabes, se non quedas cun peitado espectacular non lle botes a culpa á auga ;-)
 



martes, 28 de enero de 2025

LOVE IS IN THE AIR

Parece que algo flota no aire (aparte das follas das árbores arrastradas por Eowyn, Herminia, Ivo...) ¿Que será?¿Que será?...
Pista...o 14 de febreiro está aí, á volta da esquina.
Pois áxil e presta, a rapazada papirofléxica que temos no colexio (baixo a batuta de Laura, a profe de Inglés, Rita a PT e María Jesús de matemáticas) púxose mans á obra e nun abrir e pechar de ollos hoxe a mediodía regalounos esta colección de caixas de regalo e uns "biquiños" de papel moi...¿Cukis? (¿Ou cukis son galletas en inglés?) Bueno xa me entendedes. Non me digades que non son unha monada.

Só nos queda mandarlle un biquiño desde aquí en forma de uns e ceros ;-)

domingo, 26 de enero de 2025

SEGUIMOS ANALIZANDO AUGAS: CLORO LIBRE E CONDUTIVIDADE

Esta semana tocou quedarse de novo a tarde do martes para seguir caracterizando esa auga de Mugardos que chega ata as nosas billas co obxectivo de poder dicir ao final algo fundamentado sobre a súa calidade.

Desta volta estreamos kit de medición dun parámetro que pode resultar interesante nas augas xa que o CLORO emprégase moito moi axente desinfectante, porque inhibe o crecemento de moitos microorganismos. Por iso se clora a auga das piscinas, que está a máis temperatura, e na cal poderían proliferar eses bichiños e provocar cousas nada desexables.

O kit HI701 da casa Hanna é moi práctico e rápido de usar.



Esencialmente está fabricado para que introduzas 10mL dunha mostra de auga nun vial e o metas dentro cando acendas o aparello. O dispositivo tomará este valor como "branco" ou cero de medida.

Nun paso seguinte quítase o vial do dispositivo e engádeselle o reactivo clave, que neste caso é a N,N-dietilparafenilendiamina (DPD) que reacciona co cloro libre (normalmente en forma de ións hiploclorito ou ´ácido hipocloroso) para xerar un produto coloreado. O kit fai unha análise colorimétrica deste composto e está calibrado de tal xeito que cada intensidade de cor está relacionado coa presenza no medio dunha determinada cantidade de cloro. E así podemos obter valores concretos de concentración de cloro en auga en mg/L, unidade que tamén se pode poñer como parte por millón (ppm).


Despois de engadir o DPD, axitar e esperar 1 minuto, se houbese cloro aparecería un medio rosado.

Na noso primeiro ensaio non vimos tal cor e a medición foi 0.0

Como tiñamos dúbidas repetimos a medida pero engadindo unha gota de lixivia (que contén hipocloritos) e efectivamente vimos esa cor rosada e obtivemos unha medida de 2.5 ppm é dicir, o máximo da escala (ou sexa seguramente a concentración sería maior)

A próxima vez repetiremos a experiencia non co DPD sólido senón coas disolución A e B do kit a ver se temos diferencias.

Finalizamos a sobremesa medindo outro parámetro interesante na análise de augas: a condutividade

Para iso precisaríamos un condutivímetro, o cal non temos, pero si que temos unha sonda que consegue o mesmo efecto e que podemos conectar a unha consola de toma de datos chamada VTT, da casa Jeulin.

Un condutivímetro esencialmente proporciónanos unha medida da capacidade que ten ese auga para conducir a corrente eléctrica. Como isto depende da cantidade de sales que contén, saber a condutividade é saber o salgada que está unha auga.

Fixemos unha medición coa auga da billa e obtivemos 0.2 mS (desafortunada forma de amosar o resutlado porque realmente SON microsiemens/cm). 


Para todos os membros do grupo era a primeira vez que vían esta unidade escrita. Pois xa lles quedou traballo pendente para a próxima cita: ¿Que é un siemens? ¿A que equivale?...

Para ver o que cambiaba a cousa se hai moitas sales engadimos unha espátula de cloruro de sodio a un vaso con auga e procedemos a medir.

O cambio foi espectacular


100 veces máis...está claro que a conductividade depende da concentración de ións disoltos na auga.

A sesión de hoxe foi eminentemente práctica e polo menos aprendemos a medir cos estes aparellos e dispositivos tan raros.

Queda pendente agora descubrir cales son los valores normais de cloro na auga potable e tamén a conductividade típica e volver a medir de novo para que non se nos esqueza como usar os aparellos.

Pero iso será a seguinte etapa. Xa vedes que polo de agora estamos cubrindo etapas. Xa chegará o momento en que poremos todo o aprendido en práctica e fagamos medidas de campo.